Doce galas musicais, de teatro e narrativa estivais de calidade para animar os xoves no rural amesán

Desenvolveranse en xullo e agosto

Actuarán o coro Son elas, Quico Cadaval, Brais das Hortas, Kanbahiota, Nerea Couselo, A banda do verán, Balseiro ou Inventi, entre outros

Unha actuación do coro amesán Son Elas, que chegarán ata Tapia o vindeiro 6 de xullo, coincidindo co pregón que dará alí Josito Porto

Unha actuación do coro amesán Son Elas, que chegarán ata Tapia o vindeiro 6 de xullo, coincidindo co pregón que dará alí Josito Porto / SON ELAS

Volven os Seráns de Ames, unha programación de verán para todos os públicos que dende 2021 chega para dinamizar o rural. Haberá, deste xeito, espectáculos, concertos, narracións e teatro de balde para os veciños e visitantes.

Dende a concellería de Cultura, a edil en funcións Natividade González subliñaba que dende o seu departamento “volvemos a poñer en marcha esta iniciativa, que acadou gran éxito durante as dúas edicións pasadas e que achega a cultura ao rural de Ames”. A concelleira explicou igualmente que a boa acollida veciñal deste programa “está moi relacionada coa calidade dos distintos espectáculos que escollemos”.

Do mesmo xeito, González aproveitou para poñer en valor “a transversalidade do programa, para o que contamos co apoio e a colaboración dos departamentos de Mocidade, Normalización e Bibliotecas, cos que creamos unha oferta variada e para todos os públicos”, e lembra que hai dous anos estreábase a iniciativa na praia fluvial de Tapia , para ampliarse no 2022 á parroquia de Bugallido.

E como en anteriores edicións, as doce actividades que conforman o programa desenvolveranse todos os xoves dos meses de xullo e agosto, case sempre a partir das 19.30 horas. O programa dará comezo o xoves 6 de xullo, ás 19.30 horas, coa lectura en Tapia do pregón inaugural, que correrá a cargo do actor e veciño amesán Josito Porto. Deseguido, o coro Son elas ofrecerá unha actuación.

O xoves 13 será a quenda de Bugallido, ata onde se desprazará A banda do verán co seu espectáculo musical A danza do verán. Será ás 19.30 horas. Trátase dun concerto pensado para o público infantil. Xa o xoves 20, terá lugar en Tapia a actuación de Pablo Balseiro & Los Cascarillas, á hora habitual. E para pechar o mes de xullo, haberá dobre sesión de Narradores no serán, con Quico Cadaval e Celso Sanmartín, en Bugallido o día 27, ás 19.30 horas.

Xa no mes de agosto estrearase o espectáculo aéreo La Coquette, de Kanbahiota. Combinará humor, circo e moita diversión para todos os públicos. Será o día 3, á mesma hora, pero en Tapia. A segunda semana de agosto levará a Bugallido unha cita dobre: o contacontos Conto contiño, con Bibiana Calvo e Divina Fernández; e a comedia teatral A gran viaxe, da compañía Inventi. Ambas terán lugar o xoves 10 pola tarde, a partir das 19.30 horas.

E o día 17, a localidade de Tapia acollerá unha sesión de ludoteca familiar e os xogos de Nerea Couselo, ás 17.30 horas; e a obra Chocolate, de Teatro Calavera, unha actividade que mestura narración oral coa posta en escena teatral, ás 19.30 horas. O programa pecharase o día 24 de agosto, en Bugallido, coa actuación musical de Brais das Hortas, que traerá o seu espectáculo Consertasso na horta, ás 19.30 h.