Tempo de lecer inclusivo en Vimianzo

Cogami formou a dezasete monitores que coordinarán os campamentos na capital de Soneira

Sumarán este ano aos menores do Servizo de Atención Temperá

A técnica Yaiza Somorrostro asegura que é necesario "actuar dun xeito global e sempre fomentando unha inclusión integral"

Monitores formados en Vimianzo pola técnica de Cogami, Yaiza Somorrostro, á dereita /c. vimianzo

Monitores formados en Vimianzo pola técnica de Cogami, Yaiza Somorrostro, á dereita /c. vimianzo / JOSÉ M. RAMOS

O Concello de Vimianzo, en colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), formou a 17 monitores de campamentos en materia de inclusión co obxectivo de que os nenos e nenas con algún tipo de discapacidade poidan interactuar en todas as actividades de lecer dun xeito integral.

A alcaldesa, terceira, coa técnica de Cultura, esquerda, e edís do novo goberno municipal presentando o Vimiansol /c. vimianzo

A alcaldesa, terceira, coa técnica de Cultura, esquerda, e edís do novo goberno municipal presentando o Vimiansol / c. vimianzo

A edila de Benestar Social, María José Pose, mantivo a pasada semana unha xuntanza con representantes de Cogami e da Confederación Coordinadora Estatal de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica de España (Cocemfe), na que acordaron formar aos monitores dos campamentos que se van realizar durante este verán no municipio soneirán.

A estes encontros asistirán menores do Servizo de Atención Temperá que xa contan cun monitor especializado en Educación Especial, aínda que Cogami o que pretende é que este grupo estea incluído co resto das nenas e nenos para que poidan participar nas actividades de maneira conxunta e global.

A sesión formativa foi impartida pola técnica da Unidade de Apoio de Cogami, Yaiza Somorrostro, quen fixo fincapé na necesidade de actuar “de forma global e sempre fomentando a inclusión integral”. Así, a primeira das actividades consistiu en definir o significado de discapacidade e os tipos que existen da mesma, “sen deixar nunca de lado o máis importante: coñecer á persoa para adaptarse ás súas necesidades e peculiaridades”, dixo.

María José Pose, segunda esquerda, con técnicas municipais e representantes de Cogami e Cocemfe /c. de vimianzo

María José Pose, segunda esquerda, con técnicas municipais e representantes de Cogami e Cocemfe / c. de vimianzo

Os asistentes tamén recibiron propostas de actividades enfocadas ao ámbito lúdico pero, sobre todo, ao da aprendizaxe para apostar por uns campamentos de verán de integración e de inclusión onde participen e interactúen todos os nenos e nenas.

Ademais, desde Cogami aportaron consellos específicos para que os monitores perdan o medo a traballar con persoas con discapacidade e teñan unha visión máis global. Neste caso, fíxose máis fincapé en consellos para establecer unha mellor relación coas persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).

María José Pose destacou que esta formación é “moi necesaria porque sempre se pode facer máis por facilitar unha mellor calidade de vida das persoas con algún tipo de discapacidade. Desde o Concello consideramos moi importante contar cunha formación coma esta, na que os monitores aprenderon consellos para desenvolver aínda mellor o seu traballo pero, sobre todo, para poñer en práctica estratexias e accións globais que verdadeiramente poñan no centro ás persoas con discapacidade para crear con elas, non só ao seu redor, un ambiente de inclusión total”.

Vimiansol

O Concello vimiancés animará ademais o tempo de lecer da veciñanza co Vimiansol, un programa cultural cargado de música, teatro e diversión. O Mago Teto, Artefeito, Sempre arriba, Producións Excéntricas, Su.Ma, Troupe Malabó (Valencia) ou Cía pede2 e Circo No Ato (Brasil) son algunhas das agrupacións que virán a Vimianzo.

Asimesmo, os maiores de dezaseis anos poderán gozar das Noites no Castelo con Sergio Pazos, Vicente Mohedano, Mariña Lestón e a Mostra da Federación Italiana de Teatro Amador.