O Bloque de Carnota critica a “desmesurada” subida do salario do alcalde nun 18,5%

Os nacionalistas din que “esta subida salarial non se xustifica"

Luisa Piñeiro, José González, no centro, e Saborido, en Carnota /Xunta

Luisa Piñeiro, José González, no centro, e Saborido, en Carnota /Xunta / REDACCIÓN

O BNG de Carnota califica de “desmesurada” a subida salarial do alcalde, Juan Manuel Saborido, e do tenente de alcalde aprobada no pleno de organización, que no primeiro caso pasa de 35.000 a 41.416 euros e no segundo, de 14.500 a 28.000 euros, o que supón un incremento dun 18,5 e un 93%, respectivamente.

Os nacionalistas din que “esta subida salarial non se xustifica. A día de hoxe seguimos cos orzamentos de 2019 prorrogados e, para maior abundamento, o pasado mes de marzo o goberno pediu un crédito de 483.000 euros por desfase de Tesourería para gastos varios”.

No mesmo pleno, o goberno local do PSOE, que ten maioría absoluta, viuse obrigado a retirar a súa proposta de periodicidade dos plenos logo de que o BNG presentara a súa propia proposta, que foi aprobada por unanimidade da Corporación municipal.