O plan amiense contra os incendios forestais inclúe a xeolocalización dos puntos hidrantes

García presentou a loxística en prevención e extinción

“Fomos pioneiros coas medidas na rede de faixas de xestión da biomasa e a repoboación con frondosas caducifolias”, dixo

O alcalde, Blas García, dereita, durante a presentación do plan municipal contra os incendios forestais / C. A.

O alcalde, Blas García, dereita, durante a presentación do plan municipal contra os incendios forestais / C. A. / redacción

Redacción

O Concello de Ames presentou onte o plan municipal contra os incendios forestais, que inclúe as actuacións en materia de prevención e o dispositivo de actuacións para o período estival deste ano. En dito plan están recollidas as medidas e pasos que hai que dar segundo a magnitude do lume e da situación de emerxencia, así como os medios dos que dispón o Concello, os diferentes grupos de intervención e os contactos das persoas e grupos que forman parte de dito dispositivo. A presentación do dispositivo tivo lugar no salón de plenos e contou ca asistencia dunha importante representación das agrupacións e persoas implicadas na prevención de lumes. Conduciron o acto o alcalde, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo; e a técnica de Medio Ambiente, Patricia Reboreda.

Tamén asistiron axentes da Policía Local, o presidente da Agrupación de Protección Civil, representantes das empresa Espina & Delfín, Urbaser e GST, membros da brigada municipal de Obras e do servizo do tractor municipal, os técnicos do ciclo integral da auga e do departamento de Informática e José Benjamín García, responsable do tractor cisterna con lanzadeira.

Dito plan recolle unha serie de medidas preventivas, como redes de vías forestais, de puntos de auga, de vixilancia e de faixas de xestión de biomasa, na que destaca a repoboación con frondosas caducifolias.

A xestión da biomasa vexetal realízase nunha franxa de 50 metros perimetral a solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, e ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, gasolineiras, cámpings, polígonos e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte.

Os beneficiarios son os propietarios dos terreos incluídos nos espazos como redes secundarias de faixas de xestión de biomasa; en cada parcela subvenciónase o 80% dos gastos xerados pola plantación de frondosas caducifolias.

Blas García dixo “Ames foi pioneiro na posta en marcha de medidas preventivas na rede de faixas de xestión de biomasa coa repoboación con frondosas caducifolias, pero creo que tamén o somos con este plan de incendios forestais que xa levamos presentado varios anos seguidos”.

Patricia Reboreda destacou “o traballo feito por Protección Civil para xeolocalizar os puntos hidrantes que existen no concello, ademais de diferenciar os dous tipos que existen, co obxectivo de localizar o máis próximo a un lume forestal, así como o tipo de boca que ten cada hidrante”.

O plan establece varios grupos: o de intervención (distrito III, Policía Local, Protección Civil, brigada de Medio Mmbiente…); o de loxística (Policía Local e Autonómica, Garda Civil, Protección Civil, brigada municipal de Obras…); e o de transmisións (GST, informáticos municipais e departamento de prensa). Con eles colaborará o persoal das concellerías de Medio Ambiente e Rural, Obras e Servizos Básicos, Seguridade, Sanidade e Comunicación. O Concello dispón de camións, tractores cisterna, desbrozadoras, bomba de achique, grupo electróxeno, camión grúa, autobuses, transporte adaptado e dispositivos de comunicación.