Mans voluntarias por un litoral limpo

A asociación Mar de Fábula 'borrou' do porto de Camariñas as pegadas do día despois das festas do Carme

Recolleron dez sacos de cen litros cheos de lixo plástico, vidros e latas

Lamentan o desleixo co medio mariño e avogan por unha diversión que non deixe unha paisaxe de desolación

Voluntarios convocados por Mar de Fábula recollendo o lixo acumulado no porto de Camariñas despois das festas do Carme /MAR DE FÁBULA

Voluntarios convocados por Mar de Fábula recollendo o lixo acumulado no porto de Camariñas despois das festas do Carme /MAR DE FÁBULA / J. M. RAMOS

A asociación Mar de Fábula non decae no seu empeñeo e segue a traballar cada día na defensa do medio mariño e na cocienciación social para evitar que o litoral se converta nun auténtico vertedoiro. Esa é a imaxe que transmitía o bordo portuario de Camariñas logo de varias xornadas festivas na honra da Virxe do Carme. A morea de lixo plástico, vidros e latas espalladas ao longo do peirao e abioando nas augas puxeron en alerta ao colectivo ambiental que preside Virginia Barros, quen non dubidou en facer una nova chamada aos voluntarios para borrar esa pegada do día despois.

Coma sempre, un grupo de valentes homes e mulleres comprometidos co medio acudiron para poñer as súas mans ao servizo do medio mariño. A proveitando a marea baixa e enfangandos até os xeonllos, apañaron todo o que puideron. Encheron dez sacos de cen litros de lixo plástico “e multitude de porcallada que nunca máis volverán a contaminar o mar”, afirman. Contaron tamén co apoio por mar da lancha de limpezas de Mar de Fábula.

Dende a asociación apelan á concienciación cidadá para evitar que estas escenas se repitan. “Está ben que celebremos as festas, que para iso son, pero o que non está ben é que deixemos esta pegada de lixo, abandono e desleixo no mar”, afirman.

Unha triste imaxe a que ofrecía o bordo mariño “tres días despois de levar á patroa dos mariñeiros a bordo para bendecir ese mesmo mar”, engaden. Contradicións, subliñan, “das nosas vilas mariñeiras. Non é só en Camariñas senón tamén en Corme, Muxía, Laxe.... en todo o noso litoral, en todas as festas ao longo de Galicia. É o signo dos tempos. Parece que non podemos divertinos sen deixar unha paisaxe de desolación para o día despois. Pode ser que haxa un mecanismo que falla na nosa autoestima e dignidade colectiva como país”, conclúen.

Fronte a esa deixadez existe tamén o compromiso social doutras moitas persoas que, como os voluntarios que acuden á chamada de Mar de Fábula, adican parte do seu tempo a limpar o medio mariño.

Este é o caso tamén das profesionais que integran a agrupación de marisqueo a pé da Confría de Corcubión, que participan cada ano na recollida activa de lixo mariño ao abeiro do proxecto Marlimpo, co que colabora a Consellería do Mar.

Este ano comezaron na praia de Estorde (Cee), de onde retiraron 1.278 quilos de lixo no mes de abril. En maio limparon o ámbito marisqueiro da zona da Sicar e da praia de Corcubión, retirando outros 1.560 quilos de refugallo e artes de pesca perdidas. E o pasado mes de xuño adicaron dous días á limpeza da praia de Cee. Neste caso trouxeron para terra catrocentos quilos.