Recollen máis de catro toneladas e media de residuos en Corrubedo

A iniciativa englóbase dentro do voluntariado ambiental organizado polo Concello, que ten por obxectivo preservar a beleza natural dos espazos costerios e garantir a saúde dos ecosistemas mariños

Retirada de refugallos dos areais de Corrubedo, Ribeira

Retirada de refugallos dos areais de Corrubedo, Ribeira / concello de ribeira

Os participantes do voluntariado ambiental organizado polo Concello de Ribeira, a través da concellería de Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal, recolleron máis de 4.500 quilogramos de residuos de plástico durante a duración do programa. E, do mesmo xeito, limparon uns doce metros cúbicos de restos de tala.

“A recollida de residuos nas praias é unha actividade crucial para preservar a beleza natural dos nosos contornos costeiros e garantir a saúde dos ecosistemas mariños.” explica a concelleira ribeirense de Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal, Antía Alberte. “Seguiremos organizando este tipo de actividades para espertar o interese e o sentido crítico cara o medioambiente”, remataba a mesma fonte.

Hai que lembrar que a administración municipal ribeirense organizou este voluntariado ambiental baixo a tutela do persoal do Parque Natural de Corrubedo, nun programa que comezou a desenvolverse o pasado día 6 e vai rematar este mesmo xoves.

Entre os traballos que propuxeron acometer están dende os labores de mantemento do espazo natural como a reconstrucción e consolidación de sendeiros, eliminación de especies autóctonas, vixilancia de incendios, retirada de plásticos e microplásticos pero tamén actividades de información e sensibilización do visitante.