A Mámoa do Santo da Pedra de Doade vai amosar os seus segredos

O Museo Casa do Patrón de Lalín porá en marcha unha campaña arqueolóxica o vindeiro día 9

Segundo explica o seu director Manuel Blanco, vanse examinar o cono de violación, ortoestatos e o corredor desta medorra

Ten trinta metros de diámetro

Traballos topográficos na Mámoa do coto do Santo da Pedra, emprazada en Doade, Lalín

Traballos topográficos na Mámoa do coto do Santo da Pedra, emprazada en Doade, Lalín / Manuel Blanco

Despois das sete campañas de escavación promovidas no Castro do Penedo e da localización, catalogación, limpeza e sinalización de 7 mámoas e varias rochas con petróglifos no Monte de Doade, o Museo Casa do Patrón comezará o vindeiro día 9 de outubro, una nova campaña arqueolóxica: a escavación da Mámoa do Coto do Santo da Pedra, segundo traslada o director del Museo Etnográfico Casa del Patrón de Lalín, Manuel Blanco.

Segundo a mesma fonte, “a actuación consistirá nunha nova limpeza da mámoa e do conxunto do Santo da Pedra, coa posterior escavación de varias sondaxes nesta lendaria Mámoa duns trinta metros de diámetro, que ademais ten asociada a lenda do Santo da Pedra, na procura delimitar o seu cono de violación, así como a presenza dos ortostatos da cámara funeraria, o posible corredor de entrada á mesma, os aneis e gabias de prolongación do túmulo”, así como a existencia dalgún tipo de actividade humana relacionada con este xacemento e a recuperación de posibles restos arqueolóxicos mobles localizados.

Esta campaña será executada durante un período de tres semanas de escavación a cargo de sete arqueólogos especializados, e unha semana adicional de tapado por parte dunha técnica de restauración, baixo a dirección arqueolóxica responsable da mesma.

“Simultaneamente aos traballos arqueolóxicos faremos unha importante labor de difusión e posta en valor deste xacemento e do inxente valor cultural e histórico das mámoas da zona nos medios de comunicación escritos, radio, TVG, redes sociais, páxinas web, visitas presenciais de colexios e institutos, excursións, veciños, cunha presentación final de resultados no Museo por parte dos responsables desta importantísima campaña arqueolóxica”, continúa a mesma fonte, ca certeza de que vai marcar un auténtico antes e un despois na parroquia lalinense de Doade.

Ritos asociados a cambiar a meteoroloxía

Ademais do seu valor arqueolóxico, preséntase como un impresionante túmulo de enorme valor paisaxístico, cunhas fantásticas vistas panorámicas dos vales do Deza e Asneiro, e tamén das extensas terras do Irixo e Dozón, cos montes Tisteiro, Candán, Carrio, Faro e Farelo, ao fondo.

“Lembramos que se trata dunha mámoa de grandes dimensións, incorporada no seu día á Ruta da Prehistoria de Doade, deseñada polo Museo, que une as mámoas, petróglifos, castro e Museo, contando ademais co pináculo do Santo da Pedra, unha mostra das chamadas Mariolas, Homes Mortos ou Santiños, que presentan unha forma antropomorfa, que existen en Galicia, sendo reproducidos cada ano polos veciños dende tempo inmemorial, e normalmente están relacionados con ritos asociados a cambiar a meteoroloxía", explica Manuel Blanco. O rito consiste en erguelos ou tumbalos segundo se desexe que faga tempo soleado ou que chova. De feito, a veciñanza aínda asegura hoxe que a tronada nunca chega ás casas da parroquia, cando ven do lado do Santo da Pedra.