O Festival Outono de Teatro de Carballo homenaxea ao Xestal

Reivindicará a figura dun dos pioneiros da narración oral coa estrea absoluta do espectáculo ‘Apaga o candil’, dirixido por Cándido Pazó

Pazó, esquerda, Sueiro, Ferrero e Pichel na presentación /vanessa rábade

Pazó, esquerda, Sueiro, Ferrero e Pichel na presentación /vanessa rábade / J. M. RAMOS

A 32 edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo renderá homenaxe á figura de Carlos Díaz, O Xestal, coa estrea absoluta do espectáculo que leva por título Apaga o candil, coproducido por Contraproducións e o propio FIOT.

A peza ten como punto de inspiración estrutural e argumental os clásicos contos da visita da morte, unha tipoloxía de historias tradicionais universais que responde a un esquema máis ou menos semellante: un personaxe que topa coa morte, que lle vén anunciar que o seu final é inminente e que fai todo o que pode por enganala e librarse do seu lúgubre designio, afán que acaba por resultar fatidicamente inutil.

O director do festival, Alberto Sueiro, asegurou na presentación da obra que “é un proxecto longamente acariñado polo festival, pois consideramos necesario reivindicar a figura deste carballés de adopción pioneiro da narración oral”.

O contos humorísticos do Xestal, falecido hai 30 anos, están arraigados na tradición rural e visibilizan os problemas sociais desde a sátira. Conectárono coa sociedade converténdoo nunha querida figura da cultura popular galega. A través desta obra, Cándido Pazó achegará os espectadores ao contador de contos e tamén ás circunstancias complexas da súa vida, á necesidade de recoñecemento e ao seu compromiso, así como á dificultade histórica da posta en valor da cultura tradicional galega.

O citado dramaturgo galego afirmou que conectou dende moi cativo co Xestal, “ao poder escoitar na casa os seus contos nos discos. É unha figura fundamental e sobre el poderíanse facer moitos espectáculos, moi diferentes; pero o que queremos con este é que O Xestal sexa moito máis coñecido polo país adiante e que desde Carballo poidamos levar o seu enxeño a grandes e pequenos escenarios de moitas vilas”.

A estrea será no Pazo da Cultura de Carballo o venres día 6 ás 21.00 horas, e o sábado 7 ás 20.30 horas. Despois o espectáculo, coa colaboración do Centro Dramático Galego, comezará unha xira por Galicia. Tanto nas funcións da capital de Bergantiños como nas seguientes, a obra irá acompañada da tradución á lingua de signos a través dun vídeo inclusivo. As últimas entradas dispoñibles para a estrea pódense adquirir a través da plataforma en liña Ataquilla.com. Previamente, este mércores día 4 ás 11.00 horas terá lugar a preestrea con público dos centros de ensino de Carballo.

O director da peza estivo acompañado no acto de presentación polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do festival, Alberto Sueiro; e a coprodutora do espectáculo, Belén Pichel. Esta aposta cultural enmárcase nos actos do Ano do Xestal, declarado así polo Concello.