Eclosión valleinclaniana na Pobra

Conferencias, exposicións, teatro, un recital, unha performance, unha presentación literaria, un concerto, un certame de pintura e espectáculos de monicreques e narración oral forman o cartel das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán

Representaranse as obras ‘Carita de plata’, ‘Esperpento’ e ‘A miña irmá Antonia’

Anxo Lorenzo, esquerda, e José Carlos Vidal, na presentación das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán  / c.

Anxo Lorenzo, esquerda, e José Carlos Vidal, na presentación das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán / c. / suso souto

Vinte e cinco anos de divulgación, de valorización e de literatura. As Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, que organiza o Concello da Pobra, cumpren un cuarto de século cun amplo programa para desenvolver na última quincena de outubro.

No acto de presentación participaron o alcalde, José Carlos Vidal; o director xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González.

A apertura das xornadas terá lugar no venres 13 coa conferencia É Valle-Inclán un autor galego? Do Rexionalismo ao teatro actual: variacións da recepción da súa obra na cultura galega, a cargo de Xaquín Núñez Sabarís, profesor da Universidade do Minho e escritor. O apartado dos relatorios continuará no venres 20 con Teresa Bretal Martínez, profesora do Conservatorio Superior de Música da Coruña e compositora, quen disertará sobre Como facer música da obra de Valle-Inclán: a ópera Divinas palabras de García Abril. Ambos serán ás 20.00 horas, no auditorio do Museo Valle-Inclán.

No que respecta ás exposicións, abrirase ao público a titulada 25 anos de cultura valleinclaniana na casa da cultura Raquel Fernández Soler, ás 20.00 horas do xoves 19. Trátase dunha fotocronoloxía elaborada con fondos do propio museo. Xa no sábado 28, ás 12.00 horas, estrearase na sala Iconografía Contemporánea da institución museística a mostra Locus amoenus. Obxectos persoais do escritor, da colección de Xaquín del Valle-Inclán Alsina.

Tamén as artes escénicas adquiren un especial cariz. Suso Martínez procederá, no sábado 14, a realizar o percorrido teatralizado Los blasones de Viana del Prior. Visita dramatizada en A Pobra por los mundos de Valle-Inclán. Establécese como punto de encontro O Cantón da Leña, ás 12.00 horas. O Teatro Elma acollerá tres representacións, todas elas ás 19.30 horas. Tatana Teatro subirá ás táboas con Carita de plata o domingo 15; Cía. Sala Negra fará o propio con Esperpento no domingo 22; e o domingo 29 será a quenda de Teatro en Punto con A miña irmá Antonia.

Pola súa parte, o Grupo Ouriol (con Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez) ofrecerá o sábado 21 o recital Claves líricas, que combina poesía, música e pintura. A acción focalizarase no auditorio do Museo Valle-Inclán ás 20.30 horas. E Quico Cadaval executará o venres 27 a performance Divinas palabras. Imaxes profanas, na lembranza de Manuel Ayaso no Teatro Elma ás 20.00.

Tamén haberá oco para a presentación do libro La España Tradicional, de Ramón del Valle-Inclán, unha edición a cargo de Xaquín del Valle-Inclán Alsina que publica o Foro Galicia e Valle-Inclán. Esta cita literaria desenvolverase o sábado 21, ás 20.00 horas, no citado auditorio.

Xa cara ao remate das xornadas, o sábado 28 haberá un dos pratos fortes desta axenda cultural: o acto conmemorativo do nacemento de Valle-Inclán coa tradicional ofrenda cívica e o concerto da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, no Cantón da Leña, ás 12.30 horas.

Con relación aos centros educativos, apóstase novamente por Pinta a Valle-Inclán, actividade dirixida ás escolas infantís, a partir do martes 17. Consiste en aplicar calquera técnica plástica que consideren sobre ilustracións da autoría do artista Siro. Alumnado de Primaria asistirá ao espectáculo de monicreques A cabeza do dragón, de Teatro Cachirulo.

Os grupos dividiranse en dúas xornadas: mércores 25 e xoves 26, ambas no Elma, ás 11.30 horas. E, para o alumnado de Secundaria, configúrase a función de narración oral Valle-Inclán, o hipster antigo: relatos de almas en pena, trasnos e ladróns, con Charo Pita e baseado na obra Jardín umbrío. Representaranse dúas sesións: o venres 27, ás 11.00 e ás 12.15 horas, no dito auditorio.

A ilustración da cartelaría deste ano foi realizada polo deseñador gráfico Óscar Louzán.