Falece unha muller nunha colisión en Carballo e unha condutora resultou ferida tras saírse da vía en Dumbría

A falecida viaxaba de acompañante nun turismo que bateu contra un camión

Outras dúas persoas tiveron que ser atendidas polos equipos sanitarios

Estado no que quedou o vehículo accidentado en Dumbría

Estado no que quedou o vehículo accidentado en Dumbría / ADC Bombeiros Costa da Morte

J. M. Ramos

As estradas da Costa da Morte viviron unha xornada negra, que se saldou cunha muller falecida e dúas persoas máis feridas tras colisionar un coche e un camión de transporte de animais no lugar de Guitoi de Abaixo, na parroquia carballesa de Sofán, e outra sufriu feridas de diversa consideración tras saírse da vía o coche que conducía pola estrada AC-552, en Dumbría.

O sinistro de Carballo produciurse pouco antes das 19.00 horas. Un particular chamou ao 112 Galicia para informar dun accidente entre o seu vehículo e un camión pequeno de transporte de animais. Inmediatamente, mobilizáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, malia os esforzos, nada puideron facer por salvarlle a vida a ocupante do turismo, M. V. R, de 63 anos. Os profesionais sanitarios prestaron as primeiras asistencias a A. M. V., de 37 anos, e a un menor, que foron trasladados ao hospital da Coruña.

Ademais, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Bergantiños, da Garda Civil, da Policía Local de Carballo e dos membros de Protección Civil de Carballo.

Unhas horas antes, a condutora dun vehículo resultou ferida e tivo que ser trasladada en ambulancia ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee tras sufrir unha saída de vía cando circulaba pola estrada AC-552, ao seu paso pola parroquia de Salgueiros, en Dumbría.

Foron as chamadas de diversos particulares, ao fío das 15.00 horas, as que informaban ao 112 Galicia de que un coche rematara nunha zona de árbores tras saírse da estrada. O CIAE-112 Galicia deu aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Cee, á Garda Civil, aos axentes da Policía Local e aos membros de Protección Civil.

Dende a dotación de bombeiros do parque de Cee sinalaron que "por fortuna, e non pola xestión do Consorcio e Administracións, hoxe estamos abertos e poidemos atender unha complicada saída de vía".