A praga do picudo vermello obriga a talar palmeiras en xardíns e espazos públicos de Carballo e A Laracha

Na capital de Bergantiños tentan salvar a da Praza do Concello polo seu simbolismo

Xa perdeu un póla a tivo que valarse a contorna

Palmeira da Praza do Concello de Carballo, que xa perdeu unha póla, o que obrigou a valar a zona /c. carballo

Palmeira da Praza do Concello de Carballo, que xa perdeu unha póla, o que obrigou a valar a zona /c. carballo / J. M. RAMOS

Os concellos de Carballo e A Laracha, como xa o tiveran que facer meses atrás en Cee, Corcubión e Fisterra, loitan contra a praga do picudo vermello que está a danar as palmeiras dos espazos públicos.

O Concello carballés xa contratou os servizos dunha empresa especializada para realizar un seguimento das palmeiras tanto da zona urbana como as das parroquias. A caída dunha póla obrigou este mércores a valar o perímetro dun centenario exemplar da Praza do Concello afectado pola praga. Dado o seu simbolismo “estase a facer todo o posible por conservala”, sinalan dende a Administración local.

Con tal fin, despois da aplicación de endoterapia a semana pasada, para a vindeira está previsto realizar unha poda da copa e, en canto o tempo o permita, completarase o tratamento cunha ducha foliar. Ademais, procederán á tala de dous exemplares situados xunto ao edificio de Facenda e na Praza de Vigo, “que se atopan en moi mal estado e están considerados como irrecuperables polos expertos”, subliñan.

Pola súa banda, o Concello da Laracha ten previsto, cando as condicións meteorolóxicas o permitan, cortar dúas das palmeiras situadas na Praza do Concello, afectadas tamén pola praga do picudo vermello.

Unha decisión adoptada polo goberno local despois de que os servizos de conservación e mantemento de zonas verdes fixesen as revisións oportunas das árbores para comprobar que son “irrecuperables ao presentar defectos en diferentes puntos, en especial no interior do tronco”, afiman dende o Concello.

Un dos exemplares que será talado é o situado na zona adoquinada da praza, preto do obelisco, e o outro está no xardín do lateral da casa consistorial. A carón deles existen outras dúas palmeiras que tamén están en situación de risco e serán obxecto de tratamentos conservadores por parte do Concello para “tratar de salvar estas icónicas árbores”.

Os entornos das palmeiras que serán eliminadas permanecen acordoados para advertir á cidadanía do risco de caída de polas neses espazos, subliñan dende o Concello.