Ribeira lembra cunha escultura de Soledad Penalta aos represaliados polo franquismo

 Inaugurouse coincidindo co 87 aniversario do fusilamento de Manuel Lustres Rivas

O alcalde, Luis Pérez, asegura que “é un deber moral honrar a quen sufriu persecución”

A escultora e o alcalde con dúas familias de vítimas represaliadas polo franquismo

A escultora e o alcalde con dúas familias de vítimas represaliadas polo franquismo / Concello de Ribeira

J. M. Ramos

 O Malecón de Ribeira foi o espazo elexido polo Concello para ubicar unha escultura de Soledad Penalta en homenaxe ás persoas do municipio que foron represaliadas polo franquismo. No acto inaugural, predidido polo alcalde, Luís Pérez, participaron Xosé Antonio Pérez Fernández, historiador e membro de Memoria Histórica do Barbanza; María Dolores Sanlés Sieira e Celia García Pillado, familiares de represaliados; a escultora e concelleiros e concelleiras da Corporación local, ademais de veciños e veciñas.

O rexedor local subliñou que a iniciativa xurdiu “da vontade desta e doutras corporacións municipais” e o acto inaugural fíxose coincidir “cunha data simbólica para o noso municipio, xa que hai 87 anos os falanxistas fusilaban a Manuel Lustres Rivas, recoñecido fillo predilecto de Ribeira, homenaxeado tamén cunha rúa e cun centro cultural que levan o seu nome”.

Destacou ademais que “é un deber moral honrar e lembrarmos a quen sufriu persecución, exilio, encarceramento ou memos pagou coa súa vida a defensa dos valores democráticos que hoxe desfrutamos”.

Pérez Barral sinalou que a inauguración desta escultura “non é o punto final, máis ben o contrario, é un fito nese camiño que debemos andar para lembrar a todos os veciños e veciñas de Ribeira que tiveron que pagar as consecuencias da funesta época do franquismo”.

Así, anunciou que se porá un apartado na web municipal coa información de todas e cada unha das veciñas e veciños reprendidos polo fascismo para que “se coñeza a verdade, porque cada nome que pronunciamos hoxe ten unha historia detrás, unha vida que se viu afectada pola inxustiza e a intolerancia”.

Subliñou que o acto foi unha homenaxe “ás persoas que se negaron ser silenciadas, a quen resistiu con dignidade e a quen, a pesar das adversidades, nunca perderon a esperanza nun futuro mellor”.

Hoxe, máis que nunca, engadiu o alcalde, “debemos dicir que a memoria histórica é un dereito de toda sociedade democrática e un piar fundamental para construír un futuro máis xusto e solidario”. Avoga por preservar e difundir esa memoria histórica “para que as xeracións futuras aprendan das leccións do pasado e fortalezan a democracia”.