Polo San Martiño, peóns ao camiño

Máis de 250 nenos e nenas de Lousame de 3 a 16 anos fixeron xirar bailaretes e trompos // Os cativos descubriron tamén o lanzamento da trompa, moi practicado en Muros ata 1927 e que se cre entrou na nila alá polo ano 1700 // O grupo O Son do Pote ambientou a xornada, organizada polo colectivo Brinquedia

Os nenos e nenas de Lousame facendo xirar os seus bailaretes na xornada celebrada este xoves, na que tamén degustaron castañas.

Os nenos e nenas de Lousame facendo xirar os seus bailaretes na xornada celebrada este xoves, na que tamén degustaron castañas. / Concello de Lousame

Suso Souto

Á terceira foi a vencida e, tras dúas convocatorias adiadas polo mal tempo, o sol fixo acto de presenza este xoves en Lousame e permitiu a celebración do XVII Día do Peón, que organiza a asociación Brinquedia e que esta ano contou coa colaboración do Concello e do CPI Cernadas de Castro. Así, ao grito de “polo San Martiño, peóns ao camiño”, 252 nenos e nenas de entre 3 e 16 anos fixeron xirar os seus peóns e bailaretes, ou cando menos así o tentaron.

E é que, a pesares das explicacións de Xosé Manuel Barreiro, presidente de Brinquedia, e das instrucións do profesorado e dos técnicos municipais lousamiáns, a rapazada tardou un bo rato en comezar a pillarlle o truco a iso dos lanzamentos, polo que xa non chegaron a participar nos xogos tradicionais que estaban preparados para a ocasión no campo da festa de San Roquiño. 

Os nenos e nenas dividíronse en varios grupos. Uns aproveitaron para dar conta das castañas preparadas nun magosto promovido polo CPI Cernadas de Castro; os máis pequenos fixeron bailar os bailaretes que decoraron;e o resto repartiuse polo San Roquiño para probar a súa destreza cos trompos.

A maiores, desfrutaron cunha exhibición de lanzamento da trompa, moi practicado en Muros ata o ano 1927 e do que se di que entrou na vila alá polo ano 1700. A trompa é un modelo rudimentario de trompo, de maiores dimensións, que se fai xirar a base de atizarlle cunha zorrega ou látego. O xogo era facela bailar e desprazala ata unha marca establecida sen que deixe de xirar.

O grupo O Son do Pote foi o encargado de poñer a música á xornada.

Barreiro animou á rapazada a seguir practicando os lanzamentos pois “o peón é un xogo de temporada que nace co San Martiño e remata no San Amaro cando, como di o refraneiro, vai para o faiado”.

Brinquedia naceu no ano 2005 en Riotorto (Lugo) para promover o xogo tradicional galego.