INSERCIÓN

‘Aprender a facer facendo’ con Aspaber

A asociación aposta pola Formación Dual Adaptada para persoas con capacidades diferentes

O seu Centro Especial de Emprego oferta dez prazas de cualificación na especialidade de profesional de limpeza de superficies e mobiliario en oficinas e locais

O alumnado será contratado a media xornada

Participantes na xornada de promoción da FP Dual celebrada no polígono de Carballo  / aspaber

Participantes na xornada de promoción da FP Dual celebrada no polígono de Carballo / aspaber / j. m. ramos

Seguir avanzando na inserción laboral das persoas con diversidade é un dos obxectivos da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber) que, a través do seu Centro Especial de Emprego, dá un paso ao fronte e aposta pola Formación Dual Adaptada para persoas con capacidades diferentes.

Unha iniciativa que foi dada a coñecer nunha xornada de promoción da FP Dual celebrada no polígono de Bértoa, en Carballo. Baixo o lema A diversidade suma, Aspaber iniciou un proceso de selección para ocupar as 10 prazas destinadas a un novo curso para cualificar profesionalmente a persoas con diversidade intelectual na especialidade de Limpeza de superficies e mobiliario en oficinas e locais.

Un proceso formativo que se desenvolverá en réxime de alternancia da actividade laboral no Centro Especial de Emprego de Aspaber coa cualificación recibida no marco do sistema de Formación Profesional.

Así, a través deste programa, os alumnos e alumnas recibirán formación teórico-práctica e terán un contrato de traballo a media xornadas. Ao rematar o curso os aprendices recibirán un certificado de profesionalidade de nivel 1 (CP1-básico). Unha certificación que lles permitirá acceder e promocionar a outros cursos de nivel superior, ao tempo que os dotará dunha maior capacitación que facilitará a súa inserción laboral.

A metodoloxía Aprender a facer facendo que se aplica nesta iniciativa formativa facilita a adquisición de coñecementos, potenciando as capacidades e destrezas a nivel individual, adaptando os apoios e respectando o ritmo de aprendizaxe en función das características persoais de cada aprendiz. Aspaber quere darlle continuidade a “esta aposta de futuro, porque cremos que a diversidade nos enriquece e suma capacidades”.

As persoas interesadas en recibir esta formación, e que teñan un grao de discapacidad intelectual igual ou superior ao 33%, poden recibir máis información chamando ao teléfono 981 702 606 ou enviando un correo electrónico ao enderezo aspaber@aspaber.com.

O Centro Especial de Emprego de Aspaber iniciou a súa actividade no ano 2000 no mercado aberto con criterios de eficiencia, competitividade e calidade. Conta cun axeitado soporte tecnolóxico que respalda as súas liñas de negocio: reparación de produtos plásticos, xestión de puntos limpos, limpezas (nos concellos da Laracha, Malpica de Bergantiños e Carballo), xardinería, carpintería, escaiola, manipulados corporativos...

En Aspaber teñen claro que a coupación laboral é o medio “máis importante” do que dispoñen para conseguir a integración das persoas con capacidades diferentes e para acadar a súa integración e normalización dentro da comunidade. E por este camiño confían en seguir avanzando.