A mocidade carballesa “enreguéifase” da man dos mestres Lupe Blanco e Josiño da Teixeira

Obradoiro impartido no IES Monte Neme, de Carballo / c. carballo

Obradoiro impartido no IES Monte Neme, de Carballo / c. carballo / J. M. RAMOS

A regueifa segue calando na sociedade carballesa grazas á escola do Concello, que este venres 24 celebrará unha nova sesión aberta coa colaboración da asociación cultural Nemeth (Espazo Xove da rúa Valle-Inclán, á 19.00 horas), e ao proxecto Enreguéifate, impulsado polos municipios de Carballo, Ames, Pontevedra, Santiago e Teo.

O día 16 arrincaron os obradoiros de improvisación oral nos que participan o centros educativos A Cristina, Canosa-Rus, Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Bergantiños, IES Monte Neme, Parga Pondal, CEIP Fogar e o IES Alfredo Brañas. Lupe Blanco e Josiño da Teixeira exercen de formadores traballando de maneira práctica e dinámica a improvisación oral e a técnica da regueifa desde os valores da igualdade e a diversidade.

O obxectivo non é outro que poñer en valor a regueifa, incentivar a súa práctica e difundila entre a infancia e a mocidade, e para ir avanzando nese camiño desenvólvense accións formativas dirixidas tanto ao profesorado coma ao alumnado.