Catorce proxectos vinculados ao mar na Costa da Morte e Barbanza optan a axudas europeas

O investimento previsto supera os 2,6 millóns de euros e as subvencións propostas ascenden a 1.287.269 €

As iniciativas abranguen desde a valorización de produtos e dixitalización de confrarías ata apartamentos turísticos

Tres dos proxectos presentados dende a Costa da Morte están orientados a poñer en valor os percebes e o oficio dos percebeiros

Tres dos proxectos presentados dende a Costa da Morte están orientados a poñer en valor os percebes e o oficio dos percebeiros / GALP COSTA MORTE

Os Grupos de Acción Local do sector pesqueiro (GALP) Costa da Morte e Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible veñen de aprobar 14 proxectos ao abeiro do novo programa do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) para o periodo 2023-2027 que, de ser avalados pola Consellería do Mar, xerarán un investimento de 2.260.526 euros e optarán a axudas por valor de 1.287.269 €.

Seis desas iniciativas desenvolveranse en Muxía (3), Carballo, Ponteceso e Vimianzo, e suporán un investimento de 780.000 euros, e as axudas propostas superan os 608.000 €. “A porcentaxe de axuda aprobada, que supera o 85%, é elevada porque os proxectos responden ao interese colectivo, beneficiario colectivo ou pesca artesanal”, asegura o xerente do grupo, Guillermo González.

Entre os proxecto aprobados figura AbruMar I+D+i by Santi Pérez, co que se pretende pór en marcha un obradoiro en Muxía para promover a innovación e o consumo dos produtos do mar. Neste caso, a proposta do GALP contempla unha axuda de 266.854 €. Tamén desde a vila da Barca, a Asociación de Percebeiros e Percebeiras de Galicia (Percega) presentou o proxecto AtlanticHUB. Conectado aos stakeholders da Costa da Morte, un plan que abarca a varios concellos, e co que se pretende desenvolver diversas iniciativas encamiñadas a difundir e promocionar o oficio de percebeiro, como un primeiro paso para que poida ser recoñecido como patrimonio inmaterial da Unesco. A proposta de subvención ascende a 54.815 euros.

Á súa vez, a Asociación de Percebeiros de Muxía presentou o proxecto MemoriaAtlántica. Preservando o pasado mariñeiro para tecer o futuro do mar, un plan que pretende avanzar na valorización do produto amparado pola marca Percebe da Barca. Para esta iniciativa contémplase unha axuda de 71.087 euros.

Pola súa banda, a Asociación de Mariscadores de Baldaio presentou un proxecto para valorizar a actividade marisqueira no seu ámbito de actuación e para financiar a adquisición dun tractor para facilitar o labor que desenvolven nos seus bancos (64.916 € de axuda).

En Ponteceso, a Fundación Eduardo Pondal desenvolverá o proxecto A Cultura do Mar na Costa da Morte, para o que se propón unha axuda de 56.860 euros, e en Vimianzo, o Concello pretende habilitar un mirador sobre a ría de Cereixo e un espazo de interpretación do mar. A proposta contempla unha subvención para tal fin de 93.724 euros.

Pola súa banda, no ámbito do GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia foron seleccionados 8 proxectos, que suporán un investimento de 1.480.526 euros e optarán a axudas por valor de 679.269 €, segundo a xerente do grupo, Manuela Oviedo.

Entre os proxectos de interese colectivo figuran os de dixitalización das confrarías da zona (San Bartolomé de Noia, Lira, Portosín, Fisterra e Corcubión), cun orzamento aceptado de 91.915 € e unha proposta de axuda por igual valor; a II Feira Náutica do Freixo, promovida polo Concello de Outes, cun orzamento de 63.217 € e unha subvención de 55.631 €; a iniciativa Contos do Mar Corcubión, promovida polo Concello para a posta en valor do patrimonio cultural vinculado á actividade pesqueira a través da memoria das mulleres (76.440 € de orzamento e 61.152 € de axuda); e o proxecto interxeracional de educación ambiental de Adibismur para fomentar a interacción de mozos e maiores de Outes, Muros e Carnota (76.440 € de orzamento e 61.152 de subvención).

Tamén foron seleccionados catro proxectos privados para a creación dunha nova liña de fabricación para sardiña por parte de Provisión Produtos Pesqueiros SL (orzamento 122.237 € e axuda de 61.118 €); a mellora da trazabilidade dos produtos mediante a dixitalización do proceso na cetárea Mariscos Galero (14.159 € de orzamento e 7.079 € de axuda); a reconversión dun salgadoiro do Ézaro (Dumbría) para convertilo en restaurante (365.582 € de orzamento e 177.542 de axuda); e a construción de sete apartamentos turístico no porto de Quilmas, en Carnota (483.836 € de investimento e 241.918 € de axuda).

Guillermo González: “É unha boa cantidade se temos en conta que tan só había un mes de prazo para presentalos”

Guillermo González, xerente do GALP Costa da Morte

Guillermo González, xerente do GALP Costa da Morte / GALP

A nova normativa do programa de estratexias de desenvolvemento local participativo 2023-207 e a limitación dos prazos para presentar proxectos impediu que xurdisen máis iniciativas e que outras poidesen acceder a esta primeira convocatoria de axudas ao non poder cumprir os requisitos esixidos. Aínda así, Guillermo González, xerente do GALP Costa da Morte, asegura que “é unha boa cantidade se temos en conta que tan so había un mes de prazo para presentar o proxecto”. A iso hai que engadir, que “estas novas convocatorias son máis esixentes en canto a permisos medioambientais, accesibilidade e outras medidas, xa que hai que dispoñer deles no momento no que se formula a solicitude”.

Isto fixo que dos nove proxectos presentados en Costa da Morte, tres decaesen pola imposibilidade de cumprir as esixencias no tempo prefixado. Non obstante, Guillermo González confía en que “a partir das próximas convocatorias poidan concorrer máis iniciativas, porque esta primeira foi case como unha proba, tanto para a administración como para os GALP e os promotores”. Sinalar que a partida de axudas para Costa da Morte é de 2,5 millóns.