Paso adiante para ampliar o polígono de Carballo

A Xunta adicará 266.000 € para os plans de expropiación, urbanización e parcelamento

Habilitaranse máis de 638.000 metros cadrados en dous sectores

J. M. Ramos

A Xunta de Galicia destina preto de 44.000 euros á redacción do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento da segunda fase da ampliación do parque empresarial de Bértoa, en Carballo. Afectará a arredor de 300.000 metros cadrados pois a Xunta xa é propietaria de máis da metade do espazo requirido.

Os interesados poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de xaneiro de 2024. De feito, subliñan dende a Xunta, “trátase dun paso máis no procedemento despois da licitación a finais de novembro da redacción dos proxectos de urbanización e parcelamento da ampliación do parque empresarial, cun orzamento base de licitación de preto de 220.000 euros”.

A ampliación de Bértoa realízase en dous ámbitos, nos sectores A e B, cunha superficie total de preto de 639.000 metros cadrados, dos que preto de 380.000 serán de superficie de parcelas. O sector A localízase ao noroeste do parque existente, entre a autoestrada AG-55 e o Rego da Balsa, que o separa do mesmo. O sector B localízase ao sueste do parque existente, entre este e o viario de acceso á autoestrada AG-55.

O plan estruturante de ordenación de solo empresarial para a ampliación de Bértoa foi aprobado inicialmente o pasado 17 de novembro e sometido a exposición pública o día 30 dese mes. Prevé dar continuidade ao viario da área empresarial existente e localizar as zonas verdes e equipamentos cara os espazos de maior valor ambiental, como o entorno fluvial, e cara os espazos visibles desde o exterior.

Ademais, o plan ordena o espazo destinado a solo empresarial de maneira que poida adaptarse á demanda real de solo, para o cal delimita unha ampla área de ordenación diferida no sector A, con catro opcións en canto á ordenación e as posibilidades de xerar parcelas de maior ou menor dimensión, en atención a posibles demandas de empresas que precisen grandes superficies continuas de solo.

A primeira fase da ampliación de Bértoa xa foi realizada pola empresa pública Xestur, rematando as obras de urbanización en 2011. Esta primeira fase da ampliación incluía máis de 718.000 metros cadrados de superficie bruta, da que actualmente se ofrecen tres parcelas que suman unha superficie total de preto de 30.000 metros cadrados.

A Xunta adxudicou desde 2015 -ano no que comezou a aplicar bonificacións sobre o prezo do solo empresarial e que en Carballo son do 50%- máis de 345.000 metros cadrados por importe de máis de 11,2 millóns de euros. Isto converte ao parque empresarial de Bértoa no segundo de Galicia por volume de solo adxudicado, só superado polo parque de Morás, en Arteixo.