BARBANZA

Boas prácticas ao carón do mar

Amicos puxo en marcha o proxecto Bitácora para concienciar sobre o valor do sector pesqueiro

Usuarios do seu centro de atención integral visitaron as lonxas de peixe e mariscos de Aguiño e Cabo de Cruz

O Concello boirense vai formar ás mulleres vinculadas ao mundo mariño

Usuarios do Centro de Atención Integral de Boiro a unha das lonxas de pescado e mariscos /AMICOS

Usuarios do Centro de Atención Integral de Boiro a unha das lonxas de pescado e mariscos /AMICOS / j. m. ramos

O mar é un medio de vida e un sinal de identidade para as xentes que viven ao seu carón. Por iso, en Boiro veñen de impulsar dúas iniciativas encamiñadas a poñer en valor o medio mariño e o sector pesqueiro.

A Asociación Amicos puxo en marcha o proxecto Bitácora para coñecer en profundidade os procesos previos á chegada á mesa dos productos do mar. E para afondar e transmitir estes coñecementos, os usuarios e usuarias do Centro de Atención Integral de Boiro visitaron as lonxas de Aguiño e Cabo de Cruz.

En Aguiño coñeceron da man dos mariscadores como é o día a día na lonxa, así como o traballo de separación e clasificación dos peixes e mariscos para a súa posterior venda. En Cabo de Cruz, Concello de Boiro, puideron afondar no funcionamento deste tipo de espazos e coñecer polo miúdo o proceso de pesca, separación e venda, en especial de moluscos bivalvos como as ameixas.

O obxectivo destas visitas “é que coñezan en primeira persoa as técnicas de pesca que se levan a cabo no entorno do Barbanza da man de profesionais do sector pesqueiro, así como observar a importancia de respectar os ciclos naturais que garanten a sustentabilidade dos recursos mariños”, subliñan dende Amicos. Deste xeito, puideron ver como o traballo que realizan os amicos e amicas coas limpezas e o coidado do ecosistema mariño ten un efecto positivo no marisqueo e a pesca, e como este sector, á súa vez, leva a cabo prácticas para garantir que poidamos desfrutar do mar e dos seus froitos, tanto no presente como de cara ao futuro.

Uns coñecementos que aplicarán en posteriores formacións de divulgación e sensibilización ambiental das zonas costeiras e espazos protexidos, así como sobre o patrimonio cultural vinculado ao sector pesqueiro, buscando valorizar os productos da pesca da comarca.

O proxecto Bitácora está financiado polo GALP Ría de Arousa a través da Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca.

Pola súa banda, o Concello de Boiro, a través do seu alcalde, José Ramón Romero, e Mulleres Salgadas, da man da súa presidenta, Dolores Gómez, asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo actividades e un programa de formación para mulleres vencelladas co mar.

Mulleres Salgadas é unha entidade de ámbito autonómico de mulleres do sector pesqueiro, e a través dunha axuda de 3.500 euros impartirán unha formación específica para o colectivo feminino do sector.

O rexedor boirense e a concelleira de Mar, Olga González, mostraron o seu compromiso co sector “que é estratéxico para Boiro, ao representar preto do 76% da riqueza da comarca. Son numerosas as familias que viven directamente do mar e precisan solucións”, afirman.