Deza e Montes terán 475.000 € para infraestruturas deportivas

As axudas da Deputación de Pontevedra van destinadas a mellorar ou construír novas instalacións e a mercar terreos e equipamentos

Luis López, centro, durante unha reunión do goberno da Deputación.

Luis López, centro, durante unha reunión do goberno da Deputación. / Deputación de Pontevedra

Suso Souto

A Deputación Provincial de Pontevedra destinará preto de 475.000 euros procedentes do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas aos concellos de Agolada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Con este novo programa ditos municipios das comarcas do Deza e de Terra de Montes, que contan cunha poboación conxunta que ascende a máis de 63.000 habitantes, poderán destinar recursos económicos a construír e mellorar instalacións deportivas, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar equipamentos ou material nese eido.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende a catro millóns de euros, aos que poden optar todos os concellos da provincia agás os de Pontevedra e Vigo, que se rexen por convenios específicos. As bases do mencionado plan, que veñen de ser publicadas o pasado día 22 de decembro no Boletín Oficial da Provincia, establecen que os recursos serán distribuídos nunha parte fixa a repartir entre os concellos (1,2 millóns de euros) e noutra variable en función da poboación (por importe de 2,8 millóns de euros).

Deste xeito, o Concello de Agolada pode beneficiarse de preto de 31.500 €, Dozón de preto de 25.500 €, A Estrada de preto de 119.500 €, Forcarei de máis de 36.000 €, Lalín de preto de 120.000 €, Rodeiro de preto de 32.000 €, Silleda de máis de 64.000 € e Vila de Cruces de máis de 45.000 € para construír novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; modernizar, remodelar ou mellorar as instalacións deportivas; dotar de equipamentos ou material deportivo estas instalacións; ou adquirir terreos destinados a uso deportivo.

TRES MESES. As bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas contemplan que os concellos terán tres meses dende a publicación da convocatoria para presentar os proxectos de orzamentos destas actuacións deportivas, que deberán ser superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros.

Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade antes do día trinta de abril de 2025 e as citadas axudas son compatibles con outras subvencións, polo que os concellos poderán contar con achegas doutras administracións sen que a contía do organismo provincial se vexa reducida. 

Pola súa banda, o presidente da Deputación pontevedresa, Luis López, dixo que se trata “dunha aposta estratéxica polo deporte, polas súas instalacións e polo fomento de hábitos de vida saudable; un plan que reafirma o noso compromiso para mellorar e renovar as infraestruturas deportivas da provincia”.