Investigadores mozos de Outes e Noia estudan o problema da auga

Alumnos dos institutos Virxe do Mar e Poeta Añón avalían o impacto do cambio climático en Doñana e nas Tablas de Daimiel

A inicitiva está financiada polo Ministerio de Cultura

Estudantes e profesores dos institutos de Noia e Outes en El Rocío

Estudantes e profesores dos institutos de Noia e Outes en El Rocío / F. Soñora

J. M. Ramos

Estudantes do IES Virxe do Mar, de Noia, e do IES Poeta Añón, de Outes, liderados polo vicedirector noiés Fernando Vigo e pola directora outense María Xosé Afonso, uníronse a estudantes de Valencia, Andalucía e Madrid para estudar o impulso que o cambio climático esta a supoñer sobre o problema da auga nos parques nacionais de Doñana e Tablas de Daimiel, no marco dunha agrupación escolar financiada polo Ministerio de Educación con 36.000 euros, e que está liderada polo instituto noiés.

Despois de estudar a historia, a ocupación integral do territorio e o contexto universitario de Salamanca, avanzaron cara Sevilla, onde se atoparon cos estudantes de Elche e de Córdoba. Entre os obxectivos desta agrupación constituida no seo da rede centros de Climántica (https://4climas.org/ ), está o de estudar os ecosistemas humedais ligados aos grandes ríos Atlánticos, integrando nestes a necesidade de trasvases cara o débil sistema hidrográfico do Mediterráneo.

No curso 2022-2023 este agrupamento estudou os ríos pequenos do Norte, en especial o Asón de Cantabria e o Tambre, mirando nestes últimos a relación do cambio climático coa integridade das pradarías mariñas, respectivamente, das marismas de Santoña o de Testal.

Xa no Parque Nacional de Doñana os estudantes estudan o proxecto de recuperación do lince, a problemática actual desta especie diante da perda de coello, que supón do orde do 95% da súa alimentación. Comprobaron tamén como a seca das lagoas da marisma de Doñana débese sobre todo á explotación agrícola da auga da capa freática por pozos para a rega agrícola, e tamén ao aumento progresivo da disminución de precipacións e o aumento das temperaturas extremas no parque.

Tamén analizaron o mellor sistema dunar conservado en Europa, que actúa como esponxa para captar auga dos acuíferos dos que se alimentan as lagoas, que cada vez están máis explotados por pozos ilegais. O experto do Parque Nacional, Jesús Mateos, explicoulles o impacto que supuxo para Doñana a rotura en 1998 da balsa da mina da empresa Bolidén, que introduciu na zona grandes cantidades de arsénico e de cinc. Tamén visitaron Córdoba para analizar os efectos da sequía nos sotos do río Guadalquivir. Acompañados polo exdirector xeral de Educación Ambiental, Pepe Larios, coñeceron cómo as secas están a afectar a estes ecosistemas, o que ao igual que en Doñana, está a despistar as aves, que van perdendo zonas onde refuxiarse e aniñar.

Outra das súas paradas foi o Parque Mineiro de Almadén, Patrimonio Mundial da Humanidade. Alí analizaron a necesidade de auga nas explotacións mineiras e as prevencións que se deben tomar para evitar desastres ecolóxicos como o da mina de Aznalcóllar sobre Doñana.

Na compaña dos estudantes madrileños do IES Lope de Vega de Madrid estudaron a problemática da auga no Parque Nacional de Tablas de Daimiel, visitando La Motilla del Azuer, un xacemento da Idade do Bronce (2200-1350 a.C.). Alí comprobaron a explotación dos acuíferos naquela época e a súa importancia nesa rexión. Con expertos en Ecoloxía analizaron a situación do humedal do Parque Nacional de Tablas de Daimiel, analizando in situ o enorme impacto que está a ter o uso da auga na agricultura sobre este espazo.

Remataron as actividades de investigación con pequenos itinerarios de estudo do Parque Nacional de Lagunas de Ruidera. Alí visualizaron os efectos que o uso abusivo de fertilizantes está a ocasionar na calidade da auga e na estabilidade destes ecosistemas. Despois viaxaron a Toledo onde reflexionaron sobre o trasvase para manter o Parque de Tablas de Daimiel, e tamén cara o río Segura, para facer fronte ás necesidades de auga no Levante.