Outes e Noia brillan en Climántica

Estudantes dos IES Poeta Añón e Virxe do Mar participaron no encontro internacional celebrado en Aveiro

Na cita presentáronse curtametraxes documentais elaboradas polo alumnado e unha obra de teatro musical, obra do profesor noiés Carlos Maquieira, co apoio da artista galega 'Sés'

A noiesa María Arufe, á dereita, coordinando o seu grupo no campus internacional de Aveiro

A noiesa María Arufe, á dereita, coordinando o seu grupo no campus internacional de Aveiro / climántica

Vinte e tres estudantes do IES Poeta Añón, de Outes, e do IES Virxe do Mar, de Noia, formaron parte da delegación que Galicia enviou ao campus internacional Climántica, que promoven as universidades de Santiago e Aveiro e que se desenvolveu no centro luso de divulgación científica Fábrica, Centro Ciencia Viva.

Os estudantes galegos, xunto con outros de diferentes nacionalidades, traballan en equipos. Seis deses grupos crearon curtametraxes documentais cinematográficos de ficción, e outro equipo desenvolveu un proxecto STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), para elaborar un satélite de predición do cambio climático. Os outros tres grupos promoveron unha obra de teatro musical (banda, teatro e artes plásticas para a proxeccción).

Todas a iniciativas foron presentadas no Pazo de Congresos de Aveiro, onde se representou a referida obra, que é unha creación do profesor noiés Carlos Maquieira en colaboración coa actriz Irene Maquieira, e ten por título Tragedia. Na parte musical incluíron tres cancións de Sés, quen tamén se desprazou a Portugal para afondar na dimensión musical de canto. A recoñecida cantante galega, que é licenciada en Antropoloxía Social e Cultural, impartiu a conferencia plenaria Se teórica é a causa, prácticas son as consecuencias e subiu ao escenario para cantar cos estudantes e rematar cun bis da canción Canto aquí, canto na Habana, co que se pechou a actuación.

Tamén se proxectaron ás curtometraxes, Cortad las cuerdas, que destapa como as accións cotiás alimentan o cambio climático sen que nos deamos conta; Reflexión, no que a protagonista vai recibindo sinais sobre a crise ambiental que a levan a reformularse o seu estilo de vida; e Nuestro futuro en corto, que recompila curtos moi breves que reflicten problemas causados polo cambio climático ou que poderíamos vivir.

Pola súa banda, Antipollutor-3000 recrea un artiluxio máxico nun universo utópico que elimina sen esforzo os gases contaminantes da atmósfera; en Climavisión, a protagonista, Sara, a través dunhas misteriosas lentes empezará a reflexionar sobre as causas e conscuencias das accións do seu día a día; e La ropa que vestimos, el planeta que destruimos, expón o impacto das nosas compras tanto a nivel social como ambiental.

O liderado dos dez equipos de traballo corre a cargo de mozas e mozos que cando eran escolares destacaron en varios campus de Climática. Neses equipos de formadores participaron tres noieses: Aitor Alonso, profesor de Bioloxía e Xeoloxía no IES Lope de Vega, de Madrid; María Arufe, graduada en Comuniación Audiovisual; e Noela Suárez, estudante de enfermería. Os docentes asistiron tamén a un seminario sobre novas formas de aprender e ensinar o cambio climático.