METEOBAROUTA

Alumnos do CEIP de Barouta poñen o seu saber ao servizo dos gandeiros

Aplicando tecnoloxía e intelixencia artificial facilitan información meteorolóxica en tempo real

Presentaron o proxecto na sede de Cooperativas Lácteas Unidas

Alumnos e profesores do CEIP de Barouta na sede de CLUN

Alumnos e profesores do CEIP de Barouta na sede de CLUN / Concello de Ames

J. M. Ramos

Alumnos de cuarto de Primaria do CEIP de Barouta (Ames) presentaron na sede de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) un proxecto innovador sobre a aplicación da tecnoloxía e a intelixencia artificial no sector gandeiro. Esta iniciativa busca facilitar o traballo dos gandeiros e gandeiras ofrecendo información meteorolóxica en tempo real que lles permita mellorar o rendemento das súas explotacións.

Hai uns meses, o alumnado deste centro amesán creou unha estación meteorolóxica que ofrece datos en tempo real sobre as condicións climáticas da zona, pero quixo ir un paso máis alá, e púxose a traballar na creación dunha aplicación móbil que permitise o acceso inmediato e constante a estes datos, e que emitise alertas cos cambios e variacións detectadas. Ademais, trátase dunha iniciativa inclusiva, de utilidade para todas e todos, pois estas alertas van acompañadas de pictogramas e dunha mensaxe de audio para que todas as persoas teñan acceso a esta valiosa información.

Tal e como eles mesmos explicaron, MeteoBarouta permitirá crear automatismos para a alimentación e derivación do gando grazas á lectura dos datos da estación meteorolóxica do colexio con intelixencia artificial. Así, por exemplo, en caso de baixada drástica das temperaturas, a interpretación destes datos permitiría bloquear o mecanismo das portas para evitar que o gando pastase no exterior. Dito proxecto acadou o primeiro premio, valorado en 2.000 euros, dentro da categoría de premios educativos da xornada de innovación InnovAmes.

O director do colexio, Alonso Caxade, explicou que “para nós é un orgullo poder vir a un lugar onde os proxectos poden ter vida propia e utilidade, porque cando os deseñamos na escola, o que agardamos é que despois o noso alumnado poida ter unha implicación directa onde poidan aplicarse, como pode ser o sector gandeiro no caso que nos ocupa”.

Ademais, engadiu, “é fantástico que o noso alumnado teña este contacto directo con CLUN, porque é a empresa que esta detrás dun sistema de automatismo, que xogando a soñar estes nenos e nenas lle poderían ofrecer o sistema que presentaron, e incluso ter un contacto coas gandeiras e gandeiros, que lles permitiría saber se ese automatismo é eficaz. En resumo, para que sexa significativo para o noso alumnado é fundamental que teñan contacto directo con quen o vai utilizar, para saber se esa idea é boa ou non”.

No acto participaron tamén o alcalde de Ames, Blas García, e as concelleiras de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e de Educación e Mocidade, Carmen Porto, ademais da profesora Silvia López e o coordinador do Plan Dixital, Juan Lago.