Ames vai activar un plan de saúde mental e outro de Soidade Cero

O orzamento municipal, de 32,5 millóns, quedou automaticamente aprobado o venres de xeito definitivo ao non presentarse alegacións

El alcalde de Ames, Blas García, de frente, preside la Comisión de Gobernanza del Ames Lab

El alcalde de Ames, Blas García, de frente, preside la Comisión de Gobernanza del Ames Lab / Concello

Suso Souto

O pasado venres 22 publicouse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o anuncio de aprobación definitiva dos orzamentos municipais do Concello de Ames para 2024, toda vez que non se presentaron alegacións ao documento que recibiu o visto bo inicial o 22 de febreiro. Os orzamentos ascenden a 32.568.424 euros, medrando en 2.843.117 euros respecto dos do exercicio de 2023.

Bota a andar, pois, unha maquinaria orzamentaria que permitirá, entre outras cousas, poñer en marcha novos proxectos durante este ano, como un plan de saúde mental, un plan de Soidade Cero, unha liña de axuda a deportistas de base e un plan de promoción turística. Tamén está previsto licitar o mantemento do alumeado público e facer melloras no servizo de recollida do lixo.

Por outra banda, o Concello de Ames ten agora unha nova empresa municipal de augas que pronto entrará en funcionamento.

O alcalde, Blas García, volve incidir en que “o Concello de Ames é fundamentalmente prestador de servizos. Apostamos polos servizos de calidade para os veciños e veciñas, e por iso é o único de Galicia que ten un saldo vexetativo positivo, e é dos poucos concellos galegos que nos últimos anos medrou de maneira destacada, dobrando a súa poboación dende o ano 2000 ata a actualidade”. 

O rexedor tamén destaca que “a pesar de non ser unha competencia propia do Concello, estamos investindo o 22,30% do orzamento na área de Educación, principalmente en servizos de conciliación, comedores escolares e outros investimentos”. 

Segundo o goberno local, continúase incrementando o orzamento ano tras ano e consolidando ese incremento co compromiso de reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados polo Concello nas distintas áreas de gasto e continuando co esforzo inversor con fondos propios, que acompañan aos investimentos financiados con transferencias do Estado, da Comunidade Autónoma e da Deputación da Coruña.

A principal área de gasto pasa a ser a de Educación, co 22,30% do total do orzamento. En dita área entran todos os servizos de conciliación que ofrece o Concello (comedores, lúdicos, Bos días coles, Tardes divertidas, etcétera). Esta área medra respecto a 2023 un 3,56%. 

A segunda área con maior gasto é a de Benestar Comunitario, co 16,80%, e na terceira posición está a de Servizos Sociais e Promoción Social, que representa o 9,80% do orzamento. Outras partidas importantes son as de Vivenda e Urbanismo (6,80%), Cultura (6,30%), Medio Ambiente (4,40%), Infraestruturas (4,30%), Promoción do Emprego (3,70%) e Deportes (3,50%).