FESTA DA PASCUA DE PADRÓN 2024

O Concello reparte 3.370 euros en premios na Feira Cabalar

Un dos concursos de edicións anteriores da Feira Cabalar

Un dos concursos de edicións anteriores da Feira Cabalar / ECG

Redacción

O Concello de Padrón repartirá 3.370 euros en premios entre os exemplares que este domingo, 31 de marzo, participen na Feira Cabalar de Pascua, que este ano estará organizada pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego. A feira celebrarse no Campo da Barca, de 10.00 a 17.00 horas, motivo polo que se pecharán ao tráfico un tramo das estradas AC-307 e da AC-299 para garantir a seguridade de público e participantes.

A Feira Cabalar, presente xa no inicio das Festas de Pascua hai máis de tres séculos, tamén volverá ao Campo da Barca o domingo 31 de marzo, coa presenza de gandeiros e criadores de toda Galicia e a celebración dos tradicionais concursos morfolóxicos, que nesta edición estarán organizados pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Este ano o Concello destinará 3.370 euros a premios dos diferentes concursos morfolóxicos, para os que xa están preinscritos 70 animais en todas as seccións. Despois da correspondente retirada de dorsais (9.30 horas), os concursos comezarán ás 10.00 horas coa segunda proba puntuable para a XXIII Copa Galicia Pura Raza Galega de cabalos e eguas maiores de tres anos.

Continuará cos de cabalos e eguas cruzadas adultos e, a media mañá, haberá unha proba infantil de ponis. A competición rematará cos animais de pura raza árabe, unha para animais menores de tres anos e outra para adultos, tanto de machos como femias. Antes da entrega de premios verase un avance do espectáculo ecuestre que se celebrará pola tarde.

Na sesión vespertina, tamén no Campo da Barca, as 17.00 horas comezará unha exhibición de doma de alta escola a cargo da compañía La Magia del Caballo, de León, e na que se incluirá unha sección de doma de alta escola de Galicia ‘Dragóns de Santiago’, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Por mor da celebración da Feira Cabalar de Pascua, e para garantir a seguridade dos participantes e público asistentes, o Concello de Padrón vai pechar ao tráfico dúas estradas que pasan preto do Campo da Barca entre as 10.00 e as 17.00 horas. Os tramos que estarán pechados son os da AC-307 (estrada que vai a Dodro e Ribeira), dende o CEIP Flavia ata a ponte de Santiago, e o tramo da AC-299 (que vai a Rois e Noia pola Trabanca) dende a ponte de Santiago ata Casa Pérez, en Extramundi. O tráfico rodado desviarase polas rúas e estradas adxacentes.

LE AQUÍ O ESPECIAL SOBRE A PASCUA DE PADRÓN 2024 EN PDF

LE AQUÍ O ESPECIAL SOBRE A PASCUA DE PADRÓN 2024 EN PDF

LE AQUÍ O ESPECIAL SOBRE A PASCUA DE PADRÓN 2024 EN PDF