FEIRAS DO ABRIL 2024 EN VAL DO DUBRA

Comezan as Feiras do Abril de Val do Dubra

O cambio de ubicación, remarcan dende a corporación, dará un pulo ao comercio e hostelería local

Presentación da Feiras do Abril de Val do Dubra

Presentación da Feiras do Abril de Val do Dubra / CEDIDA

Redacción

Val do Dubra prepárase para unha das citas máis agardadas polos veciños e veciñas: as Feiras do Abril. Así, os días 30 e 31 de marzo e o 1 de abril o municipio renderase á troula, con tres xornadas de actividades que se desenvolverán por vez primeira no centro do núcleo de Bembibre, nos aparcadoiros da rúa San Lourenzo, onde se instalará unha carpa que albergará o Mercado de Artesanía organizado polo Concello de Val do Dubra en colaboración coa Deputación da Coruña.

Será punto de encontro para os artesáns e artesás locais e outros e outras que se acheguen dende diferentes localidades. Así, co cambio de localización, consensuada cos veciños e coa hostalería e comercio local, vivirán de primeira man o ir e vir dos visitantes.

A cita contará cunha exposición de maquinaria agrícola (sábado e domingo) e unha exhibición de gando (domingo a partir das 10.30 horas) na que participarán gandeiros e gandeiras do municipio e na que se porá en valor unha das especies protagonistas da zona: a vaca cachena. Nesta ocasión tamén participarán na exposición cabalos procedentes da Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home das Cernadas (Val do Dubra).

A inauguración será o sábado 30 ás 12 do mediodía coa actuación de Regueifa, asociación dubresa de música tradicional. Chegada a hora do xantar, coma en toda feira apreciable non pode faltar a polbeira. Entrados na tarde, o toque de humor poñerao Pepo Suevos, quen ofrecerá un monólogo ás 18.30 h. Á noite, a verbena virá da man da Discomóbil CDC e da Orquestra Metrópolis. O Concello participará activamente na promoción da localidade como destino turístico a través de seis rutas, e outros atractivos do municipio e o seu entorno.

Artesáns locais farán exhibición das súas destrezas no marco da feira: haberá cestería, mel, e ata amigurumi propio do Val do Dubra (pequenos bonecos de ganchillo). O artesán dubrés Salvador Castiñeiras participará coas suas coñecidas figuras de ferro.

O cambio de ubicación, remarcan dende a corporación, busca dárlle un pulo ao comercio e hostelería local, que é onde se ubica o movemento económico do sector comercial. A nova localización contou co respaldo e a consulta dos veciños da zona. Tamén se aproveitará a festividade para facer unha campaña do uso de galego no comercio local, a través o servicio de normalización linguistica do concello dubrés. “En definitiva é unha feira para tódolos públicos, unha feira interxeneracional pensada e diseñada para o desfrute desde os máis pequenos ata os máis maiores”, remarca Diego Díaz.

LE AQUÍ O ESPECIAL FEIRAS DO ABRIL 2024 DE VAL DO DUBRA EN PDF

LE AQUÍ O ESPECIAL FEIRAS DO ABRIL 2024 DE VAL DO DUBRA EN PDF

LE AQUÍ O ESPECIAL FEIRAS DO ABRIL 2024 DE VAL DO DUBRA EN PDF