A falta de 5 facultativos obriga a 4 médicos do centro de saúde de Ribeira a asumir un cupo a maiores de 1.500 pacientes cada un
Concello e traballadores da instalación denuncian a falta de profesionais
Membros do equipo de goberno de Ribeira e traballadores do centro de saúde concentráronse este mércores ás portas desta instalación para denunciar a falta de persoal médico e a
situación de precariedade na que os profesionais da saúde desenvolven o seu traballo.
“O que está a pasar no centro de saúde é a continuación do desdén da Consellería de Sanidade coa poboación de Ribeira”, afirmaba o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones. Segundo explicou, o cadro de facultativos está reducido á metade, deixando a 6.000 pacientes sen sanitario. “Hoxe faltan 5 médicos no centro de saúde, que se corresponden con dúas baixas de longa duración e varias prazas que están sen cubrir”, dixo.
Segundo o Concello, a falta de 5 facultativos de Atención Primaria obriga a 4 médicos a asumir un cupo a maiores de 1.500 pacientes cada un.
Dende o goberno municipal denuncian a excesiva carga de traballo dos profesionais da saúde e o deterioro da Atención Primaria debido á falta de persoal que remata repercutindo na atención especializada. “Os pacientes teñen dereito a que se lles atenda nas mellores condicións; hoxe moitos quedaron sen atender e tivéronse que desprazar a outros centros ou ás Urxencias do hospital”, engadiu Furones.
Tamén os traballadores do centro de saúde destacan a falta de atención á poboación de Ribeira. “O paciente crónico non está ben atendido porque os médicos están desbordados ao ter que cubrir cupos que non lle corresponden. Isto deriva nunha enorme falta da calidade na Atención Primaria, facendo que se perda calidade de vida e un agravamento da enfermidade do paciente”, explicou Isabel Fernández, traballadora social do centro, quen tamén apelou á cidadanía para que se mobilice e demande melloras no servizo. “Temos que loitar pola sanidade pública de calidade”, sinalou.
O alcalde, Luís Pérez Barral, expresou o seu apoio aos traballadores e traballadoras do centro de saúde de Ribeira, dos consultorios de Corrubedo, Palmeira e Aguiño e do hospital do Barbanza, “que se están vendo repercutidos por esta situación límite”. Segundo explicou, dende o Concello notificouse á Consellería de Sanidade o acontecido este mércores. “A Administración autonómica debe reverter esta situación e atender as reivindicacións dos profesionais sanitarios, porque redundará nunha mellora da calidade asistencial que se lle presta á poboación do noso concello”, aseverou Pérez Barral.
“Solicitámoslle de xeito reiterado dende o mes de xullo de 2023 á Consellería que sente a falar con este goberno local para tratar de solucionar os problemas que ten o centro de saúde de Ribeira, comezando pola necesidade de cubrir todo o persoal de baixa e as vacacións e seguindo pola mellora do propio centro sanitario. Teñen a nosa man tendida para colaborar no que se precise para que a poboación de Ribeira teña acceso a unha atención médica de calidade", engadiu.
Temas
Más en Área
-
Denuncian hábitos de peregrinos que afean el cabo Fisterra
-
Baldaio acolle 10 dos niños das 84 parellas de píllara das dunas que hai en Galicia
-
Dan energía a la línea eléctrica enterrada en Milladoiro que permitirá construir en ese solar el primer colegio de la mayor urbe de Ames
-
O San Xoán 2024 de Carballo xa ten cartel promocional