A USC, disposta a formalizar un acordo para que o Concello use as súas instalacións deportivas

Tamén sinala que deben falar do mantemento das mesmas

Ante a falta de recintos para os clubs, a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, apuntou a que o seu obxetivo é establecer un convenio para usar estos espazos

O Polideportivo da Universidade de Santiago é unha das instalacións deportivas das que dispón a USC e que poderían estar no acordo / Jesús Prieto

O Polideportivo da Universidade de Santiago é unha das instalacións deportivas das que dispón a USC e que poderían estar no acordo / Jesús Prieto / André Couce

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) ponse a disposición do Concello de Santiago para establecer un acordo para o uso das súas instalacións deportivas por parte do tecido deportivo da cidade.

Pilar Lueiro, concelleira de Deportes da capital gallega, concedeulle a EL CORREO GALLEGO unha entrevista na que abordaba a necesidade de conversar coa USC para poder emplear os seus espazos deportivos ante a imperiosa necesidade que teñen os clubs da cidade, os cales precisan de máis horarios para realizar as súas actividades. Agora, o ente educativo tende a man a concelleira tras transmitir a súa resposta a este xornal.

No comunicado, a USC comeza sinalando que “as instalacións deportivas da USC son espazos dispoñibles para a práctica deportiva do conxunto da cidadanía en Compostela. As últimas intervencións no estadio de atletismo ou no campo de fútbol do campus compostelán son boa mostra desa dispoñibilidade e do uso cada vez máis intenso que delas se fai, sen esquecer outros espazos como as pistas de tenis, a piscina ou o campo de fútbol sala, recentemente reacondicionado”.

“Por suposto que somos partidarios de regular esta relación, e boa proba é que nos últimos anos temos insistido na necesidade de que o campus, e por extensión os espazos deportivos da USC, sexan un punto de convivencia para a cidade e, sobre todo, sexan útiles á cidadanía. Loxicamente, isto é algo que obrigaría a formalizar esta relación, máis alá dos acordos puntuais para acometer infraestruturas ou reformas puntuais”, prosigue o escrito.

Pese a todo, a universidade sinala que para establecer algún tipo de convenio debe estar na conversa o mantemento dos espazos: “É preciso falar e tomar decisións no relativo ao mantemento das instalacións e, no caso da oferta deportiva, ás implicacións en custes de persoal que ten abrir a oferta deste servizo a un colectivo máis amplo que o estritamente universitario”.

“Non hai que esquecer que no actual modelo de financiamento universitario non se teñen en conta determinadas singularidades como as instalacións deportivas. Os recursos económicos destinados ás universidades fanse tendo en conta a prestación do servizo docente e investigador especificamente”, engade.

Ao peche do comunicado, a USC recalca a súa vontade para chegar a un acordo ao apuntar que “queremos ir máis alá e que o tecido deportivo da cidade se sinta na súa casa nos espazos dispoñibles na Universidade e estamos dispostos a traballar a prol da consecución de acordos dende xa. En resumo, a USC quere deixar constancia da súa plena e total dispoñibilidade para regular canto antes os termos desta colaboración”.

Conversacións iniciadas

O Concello de Santiago xa realizou a primeira toma de contacto ca universidade tras as primeiras conversas que Goretti Sanmartín, alcaldesa da cidade, e Antonio López, reitor da USC, mantiveron o pasado 20 de xuño.

Dende ese momento, unha comisión técnica está a abordar un convenio ca organización educativa no que un dos temas que se están a tratar é o uso dos espazos deportivos da USC para a cidadanía e os clubs de Santiago.

Polo tanto, universidade e Concello deben ir pechando os acordos en materia de colaboracións e, na área deportiva, de establecer unha relación que sirva de garantía para que as entidades deportivas da cidade podan ver satisfeitos os seus desexos de dispor de máis instalacións e horarios para os seus deportistas.

Unha problemática recurrente

Varios clubs da cidade levan demandando dende fai anos a necesidade de máis espazos deportivos para poder desenvolver as súas actividades de maneira óptima e acoller a todas as persoas que desexan iniciarse na práctica deportiva.

Moitas destas entidades aseguran ter listas de espera de nenos e nenas que queren acceder aos entes deportivos que, nalgún dos casos, chegan a ser de máis de cen rapaces e rapazas. Ademais, a falta de pavillóns forza a que moitos clubs se encaixen nas poucas instalacións das que dispón o Concello, o que leva a que os distintos equipos entrenen en horarios insuficientes para prepararse para as súas competicións.

Pero non só hai un problema cos pavillóns, pese a ser dos máis urxentes. As piscinas fanse insuficientes como o exemplo reciente do club Triatlón Inforhouse Santiago, que só dispuxo de dúas horas de piscina a semana a pasada tempada, insuficiente para cubrir as súas necesidades.

Por outra banda, os clubs de atletismo e os de fútbol tamén requiren de máis espazos na cidade para poder realizar as súas actividades e dispor de máis horarios para os rapaces e rapazas que forman parte destas entidades.

Polo de agora, un acordo ca USC podería garantir unha maior flexibilidade, que seguiría a ser escasa a nivel de pavillóns, dando un balón de oxíxeno ao deporte santiagués. Tamén abriría a posibilidade de poder acometer as reformas necesarias nas instalacións do Concello mentres os clubs que as empregan estiveran temporalmente no pavillón universitario, nas súas piscinas ou nos campos de atletismo e fútbol.

Mellora das instalacións universitarias

Ainda así, e posíbel que a USC busque no acordo reacondicionar o seu pavillón para solucionar os problemas do tellado do mesmo, xerando goteiras, e unha mellora do chan das instalacións, que presenta varias irregularidades. A iso habería que sumar, como sinala a universidade no comunicado, os custos de persoal que poida haber a maiores nas súas instalacións.

PILAR LUEIRO BUSCA SOLUCIÓNS

Na entrevista que Pilar Lueiro, concelleira de Deportes de Santiago de Compostela, lle concedeu a este xornal deixou claro que polo de agora a súa idea é chegar a acordos con colexios concertados, cos privados, ca Consellería para o Deporte, para dispor dos espazos dos IES, e coa USC para ter máis pavillóns e instalacións. 

A concelleira sinalou que, polo de agora, non se valora a construcción dun novo pavillón na cidade.

Pese a todo, o obxectivo máis próximo para o Concello de Santiago de Compostela é reacondicionar as instalacións deportivas que presentan desperfectos reformándoos.

A vontade de Lueiro e que Santiago goce dunhas instalacións de elite para o deporte que permitan a práctica óptima das actividades dos distintos clubs e que sexa unha garantía de igualdade entre homes e mulleres.