Bugallo propón a creación da Fundación Banquete de Conxo para impulsar a conservación do bosque

O alcalde da capital galega indicou que estaría integrada polo Concello, USC e Consorcio // Serviría para protexer a contorna do Sar, potenciando o mantemento das árbores centenarias

Bugallo e outros concelleiros do grupo municipal socialista, vestidos de época para celebrar o Banquete de Conxo

Bugallo e outros concelleiros do grupo municipal socialista, vestidos de época para celebrar o Banquete de Conxo / JACOBO TÁBOAS

En plena celebración da festa do Banquete de Conxo, entre “centos de veciñas e veciños desfrutando dun espazo singular e excepcional”, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reafirmouse no seu compromiso pola conservación deste entorno natural anunciando a creación da Fundación Banquete de Conxo. “Encargarase da preservación dun espazo de enorme riqueza natural, e servirá tamén de instrumento para despois xestionar o futuro xardín botánico para o que xa contamos con fondos europeos”, afirmou o candidato do PSdeG-PSOE paras as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Integrada polo Concello, USC e Consorcio, a Fundación serviría, dixo Sánchez Bugallo, “para protexer a contorna do Sar, potenciando a conservación das árbores centenarias que compoñen o bosque do banquete: plátanos, amieiros e carballos entre outros”.

Saúdo entre o alcalde de Santiago e Mariano Rajoy

Saúdo entre o alcalde de Santiago e Mariano Rajoy no Banquete de Conxo / JACOBO TÁBOAS

Unha actuación, engadiu, que segue a senda xa marcada co proxecto de Restauración do Ecosistema Fluvial e Creación dun Bosque da Saúde no río Sar que conta co apoio da Fundación Biodiversidad. Cun orzamento total superior ao 920.000 euros, dende o Partido Socialista indicaron na xornada de onte que realizarase un inventario dos recursos naturais da contorna e un estudo hidrolóxico do leito e do caudal do río Sar. Ademais, impulsaranse accións de estabilización das marxes do río, recuperación do antigo leito do Regado de Chaián e recuperarase a vexetación autóctona.

Ademais, a Fundación Banquete de Conxo encargaríase de xestionar o xardín botánico, un dos cinco proxectos para os que se conseguiron 4,5 millóns de euros de fondos europeos. Serán 230.000 os que se destinarán á restauración fluvial do corredor ecolóxico do Sarela. Cunha superficie de 4,43 hectáreas, o xardín botánico “reforzará e restaurará o bosque autóctono de carballeira creando un espazo de uso e desfrute da veciñanza”, afirmou o alcalde.