"Sarela", a obra que percorre o río polo que flúe a memoria de Santiago

O enxeñeiro agrónomo José M. Ortigueira Bobillo propón un percorrido polas sendas, a historia ou a antropoloxía do río compostelán // Menos coñecido que o Sar, na súa contorna produciuse unha intensa interacción da natureza co desenvolvemento industrial da cidade

Ruta do Sarela, un sendeiro á beira do río que permite ir á pé e tamén en bicicleta, accesible andando dende o centro da cidade

Ruta do Sarela, un sendeiro á beira do río que permite ir á pé e tamén en bicicleta, accesible andando dende o centro da cidade / jesús prieto

Resulta inexcusable citar a Rosalía de Castro para se referir ao Sarela: “Cando volver, se volvo, tod’estará ond’estaba,/ Os mesmos montes negros y as mesmas alboradas/ D’o Sar e d’o Sarela, mirandose n’as auguas”, escribiu en ¡Do íntimo! (Follas Novas, 1880). Pero ao longo da historia, ademais da gran poeta galega, foron moitas as voces literarias que se deixaron seducir polo remanso de paz que debuxa este río. Máis humilde que o Sar, a este curso fluvial refírese a Premio Nacional de Poesía, Olga Novo, como “un fío de prata que corre entre as pedras”. Na fantástica Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro, o narrador afirma que “o Sarela é a memoria de Compostela” e descríbeo como un lugar encantado, no que habitan fadas e espíritos.

Ao catálogo de obras que atoparon neste espazo natural un elemento de inspiración, que forma parte da identidade e a cultura compostelá, súmase agora Sarela. Paisaxe cultural, do enxeñeiro agrónomo José Manuel Ortigueira Bobillo. Editado por Alvarellos en colaboración co Consorcio de Santiago, o libro transita polos dez quilómetros que rega o río Sarela, os seus tupidos bosques fluviais, afluentes e regatos, revelando unha paisaxe inédita e un patrimonio único.

Da Ponte do Romaño á Ponte Vella de Vidán, “o Sarela representa unha parte fundamental da personalidade e da historia de Santiago de Compostela. Non obstante, as súas poéticas augas e a súa riquísima contorna continúan sendo na actualidade grandes descoñecidas”, afirma Ortigueira Bobillo, que anima a descubrilas: “Poderemos gozar dun patrimonio histórico que nos sorprenderá desde o inicio, como os olvidados petróglifos a carón do seu nacemento. Ou pontes tan singulares como a dos Tres Ollos ou a da Burata, a historia das lavandeiras ou as 17 fontes e ata 50 muíños rexistrados no percorrido”.

Ademais disto, o Sarela obsequia os visitantes cun ecosistema de gran riqueza natural. Bosques de ribeira compostos de ameneiros, loureiros e sabugueiros, flores, fentos, liques, musgos e cogomelos habitan este lugar, xunto a insectos como os gaiteiros e as vacalouras, e numerosas aves, desde garzas a parrulos, merlos, paporroibos, miñatos ou corvos. Unha paisaxe que se completa coa singular historia industrial do Sarela: “Durante o S. XIX, arredor das súas augas funcionaron ata 15 fábricas de curtidos, nun tempo no que Santiago chegou a ser a capital da industria do coiro en España”, explica o autor.

A documentación do libro está enriquecida con máis dun cento de imaxes e ilustracións, actuais e históricas, ademais dun mapa detallado que permite situar todos os lugares e camiñar, guía en man, descubrindo esta Compostela fluvial e os seus recantos naturais e históricos. Recolle, por exemplo, que pola súa parte alta pasaba o camiño de Bergantiños, unha senda empregada no século XVII que comunicaba Santiago coa Costa da Morte. Hoxe, a saída do Camiño de Santiago a Fisterra atravesa o río na Ponte Sarela, por onde tamén se pode subir ao Pedroso.

“Temos unha obriga coas xeración futuras, é preciso que os elementos patrimoniais do Sarela se coñezan, difundan, rehabiliten e protexan, para uso e disfrute da veciñanza e visitantes”, apunta na introdución do libro Ortigueira Bobillo, que anima a Administración a “aproveitar este proxecto para abordar un plan de restauración integral do Sarela que teña en conta a todas as persoas, inclusivo e adaptado”. Porque preservar a riqueza paisaxística, patrimonial, natural e literaria deste espazo fluvial único “é unha obriga que temos coas xeracións futuras”. Todos os beneficios desta publicación irán á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

Fonte da Amañecida á beira do río Sarela

Fonte da Amañecida, en Vidán

De Ponte a Ponte polo Sarela

O Concello de Santiago de Compostela, co respaldo do Consorcio de Santiago, puxo en marcha en 2008 o proxecto De ponte a ponte polo Sarela, un sendeiro á beira do río que permite ir á pé e tamén en bicicleta e que forma parte do proxecto global Sendeiros de Compostela.

O treito máis difícil de seguir é o que vai da cabeceira do río á ponte do Romaño, aproximadamente tres quilómetros no que en ocasión hai que se desviar do leito. O resto, uns sete quilómetros, está dividido en oitro treitos marcados polas pontes do Romaño, Pontepedriña, Avío, do Lermo, do Asén, do Carme de Abaixo, Ponte Sarela, de San Domingos e Ponte Vella de Vidán.

Este ano, Turismo de Santiago propuxo dúas sendas, a do “río Sarela arriba” e a do “río Sarela abaixo” nun catálogo de 8 sendas naturais accesibles andando desde o centro da cidade. Son todas de curta e media duración e pouca ou ningunha dificultade, pensadas para realizar nun par de horas ou medio día como máximo e orientadas tanto a familias con peques, mascotas, persoas con mobilidade reducida, cicloturistas ou senderistas máis avezados.