Aprobado o proxecto para restaurar ata 12.000 metros cadrados da contorna dos ríos Sar, Sarela e Vilar

Ademais da recuperación ambiental crearanse sendas, pontes e zonas de lecer // Os traballos levaranse a cabo entre A Rocha e Vidán

Río Sarela ao seu paso por Vidán /antonio hernández

Río Sarela ao seu paso por Vidán /antonio hernández / redacción

redacción

Prosegue a restauración ambiental de zonas próximas aos ríos que atravesan Compostela. A Xunta de Goberno Local aprobou onte o proxecto básico para acondicionar ata 12.050 metros cadrados da contorna do Sar, Sarela e Vilar, unha actuación para a que se destinarán 341.590,13 euros. Os traballos levaranse a cabo entre as zonas da Rocha e Vidán, baixo o viaducto da AC-543.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, explicou que se está “cun labor de recuperación das contornas dos ríos Sar e Sarela e da súa posta en valor”. Agora mesmo “están en execución as sendas peonís a carón do río Sar que en principio chegan ata o Polígono da Sionlla, aínda que neste momento están cortadas polas obras do orbital”, co obxectivo, engadiu, “de sumalos á senda peonil que vai unir os concellos de Santiago, Oroso, ata Cerceda”. Ademais, tamén están en execución na zona de Conxo e na zona que vai desde O Milladoiro ata o Castelo da Rocha. “O que sacamos a licitación é o acondicionamento da contorna e das sendas peonís” nas ribeiras do Sar, no tramo que vai desde o Castelo da Rocha ata a conexión co río Sarela”, explicou. Esto permitirá, subliñou, “unir xa as actuais sendas peonís que veñen polo Sarela da zona da Peregrina co Sar ata o cruce do orbital e ata Milladoiro”. En total serán “case 30 quilómetros de lonxitude, que tería este circuíto,con isto quedarían conectados os dous tramos”, rematou.

O ámbito de actuación comprende o acondicionamento e restauración ambiental dun espazo situado baixo o viaduto da AC-543 (avda. de Xosé Filgueira Valverde) sobre o río Sarela, en Vidán que se divide en dúas zonas: ámbito sur (Sar e Vilar), entre o xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte e o tramo do Camiño portugués, paralelo ao río Sar entre a Ponte Vella de Arriba e o viaduto da Rocha; e o ámbito norte, que comprende o acondicionamento e restauración ambiental do espazo situado baixo o viaduto da AC-543, aos dous lados do Sarela.

Accesibilidade

Entre os obxectivos concretos deste proxecto figuran, ademais da recuperación ambiental; a solución dos problemas de accesibilidade mediante sendas e pontes; a creación de zonas de lecer e descanso; e a implantación de recursos de comunicación para contribuír á revalorización do espazo a recuperar.

A proposta do ámbito norte consiste en crear unha conexión entre a rúa superior e o río mediante unha serie de espazos de estancia e cunha pequena ponte peonil que conecte coa outra beira. En canto ao proxecto do ámbito sur, inclúe as seguintes actuacións: o acondicionamento da zona situada entre a entrada ao xacemento da Rocha Forte e a vía férrea; a creación dun pequeno aparcadoiro de servizo no terreo municipal situado entre a rúa do Piñeiro e a vía férrea; o acondicionamento do paso subterráneo baixo a vía do tren; o acondicionamento da carballeira situada ao oeste do xacemento arqueolóxico; a construción dunha senda peonil, próxima ao curso do regato do Vilar, entre o paso subterráneo e o río Sar; a construción dunha pasarela peonil para o paso sobre o Sar, xunto á súa confluencia co regato do Vilar; a continuación da senda, paralela ao Sar, ata atoparse co Camiño de Santiago Portugués; a recuperación da vexetación de ribeira dos cursos do regato do Vilar e do río Sar, na zona comprendida entre a vía férrea e o encontro co Camiño Portugués.