O PSdeG pide reformar o Estatuto, pero apoiará a tramitación da Lei do Litoral

Formoso di que estarán “vixilantes” para evitar “pelotazos” na costa // Rueda ve un “toque de atención” dende Madrid e Pontón cre que a norma será “papel mollado”

Besteiro y Valentín González Formoso

Besteiro y Valentín González Formoso / IAGO LÓPEZ

Susana López

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, confirmou onte que os socialistas galegos manteñen a intención de apoiar a tramitación parlamentaria da Lei do Litoral que impulsa a Xunta, se ben recoñeceu que preferiría unha reforma do Estatuto para que Galicia puidera asumir as competencias en materia de Costas, como defende o delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro. Non obstante, asegurou non sentirse desautorizado polo seu compañeiro de filas, co que, dixo, fala “todos os días”.

Segundo González Formoso, o máis importante neste momento é “darlle seguridade xurídica ao sector mar-industria”, do que dependen 40.000 familias en Galicia e que, salientou, é probablemente o sector “máis estratéxico do país”. Esa será a “prioridade” do PSdeG na tramitación parlamentaria da lei, fase en que, asegurou, estarán vixilantes para impedir “pelotazos urbanísticos ou barras libres” na costa galega.

Con todo, González Formoso recoñeceu que, tal e como apuntou esta semana Gómez Besteiro, o desexable sería que Galicia reformara o seu Estatuto para poder asumir as competencias en materia de Costas.

Así, cuestionou que o PP leve anos “bloqueando” calquera posibilidade de avanzar neste sentido e asegurou que o PSdeG estaría disposto a “acoutar” unha reforma estatutaria a ese único aspecto.

González Formoso instou a Rueda a solicitar a convocatoria da comisión mixta de transferencias para poder chegar a un acordo na cesión de competencias a Galicia. “Ofrézome como interlocutor”, sinalou o líder dos socialistas galegos.

Pero neste asunto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non ve máis que dous camiños entre os que debe decidir o PSdeG. “Trátase de defender o noso litoral ou de recoller velas se efectivamente houbo un toque de atención” dende Madrid, sinalou o líder do PPdeG.

Na súa comparecencia ante os medios posterior ao Consello da Xunta, Rueda pediulles aos socialistas galegos que sexan valentes e apoien a Lei do Litoral. Lembrou que a norma “conta co aval” do Consello Consultivo, que certificou que podía ser aprobada “sen necesidade de reformar o Estatuto”. O demais, dixo, son “liortas internas” e “contradicións”.

Da cuestión tamén falou onte a voceira nacional do BNG. En declaracións recollidas por EFE, Ana Pontón, asegurou que a Lei do Litoral “vai ser papel mollado”, porque Galicia non ten competencias para poder ordear o litoral, algo do que responsabilizou o Goberno de Rueda.

Pontón amosou as súas sospeitas de que, con esta lei, o PPdeG queira consolidar a presenza de Ence na ría de Pontevedra.