Mellorar o transporte, unha transición enerxética xusta e conseguir novas competencias: propostas do BNG para o 23-X

Pontón apunta unha candidatura para “mellorar o presente e o futuro”

Garantir un futuro para a mocidade e garantir as conquistas sociais son outros obxectivos

Ana Pontón estivo acompañada polos catro cabezas de lista

Ana Pontón estivo acompañada polos catro cabezas de lista / Belén Teiga

Unha transición enerxética xusta, máis medidas na loita contra a violencia machista, un calendario de transferencias para Galicia ou a mellora nos transportes públicos e conexións dignas no interior. Estas medidas son parte do “decálogo de compromisos coa sociedade galega” do BNG, presentado este venres, para as eleccións xerais do próximo día 23 de xullo. A portavoz nacional do partido, Ana Pontón estivo acompañada polos catro cabezas de lista: Néstor Rego por A Coruña, Carme da Silva por Pontevedra, Noa Presas por Ouresne e Dani Castro por Lugo.

Pontón sinalou que presentan este decálogo fronte ao “servilismo” que demostran as forzas estatais que, nas súas palabras, están “atados de pés e mans”. Así, engadiu que o Bloque é “a candidatura de país” e que servirá para “mellorar o presente e o futuro”. “Teño claro que se algo debe cambiar en Galicia o próximo de 23 de xullo é a forma na que vai estar representada en Madrid”, sentenciou.

En canto ás medidas concretas, Rego foi o primeiro en tomar a palabra solicitando que nos Presupostos Xerais do Estado se destinen a Galicia 2.000 millóns de euros despois de “anos de discriminación e marxinación”. Tamén marcou como obxectivo conseguir novas transferencias a Galicia para que consiga novas competencias, tras 14 anos.

A candidata ourensana, Noa Presas, esixiu melloras no transporte público e fixo fincapé en ter “unha rede de tren de proximidade e unha vertebración real”. Así, remarcou a importancia de garantir as conquistas sociais, xa que se atopan “moi preocupados polo avance do discurso de odio”.

Castro, que ata o momento era o deputado máis novo do Parlamento galego, centrou precisamente a súa intervención na mocidade. Deste xeito, sinalou a necesidade de frear emigración da xente nova que “non ve un futuro laboral no noso país” e propuxo medidas en materia de vivenda para facilitar o seu acceso nas “condicións pertinentes”.

Pola súa banda, a cabeza de lista, Carme da Silva, avogou por unha “estratexia enerxética galega” que contemple unha tarifa eléctrica propia, algo que o partido xa demandou en múltiples ocasións, ou a declaración do litoral galego como zona libre de eólicos. Ademais, en materia de emerxencia climática apuntou á importancia de converter os residuos en recursos.