Rueda destaca na gala Gallegos del Año que “somos unha comunidade cunha forza extraordinaria”

O presidente da Xunta subliñou o traballo común da nosa sociedade por derrubar “os muros que puidera haber entre os galegos, fomentando e defendendo a pluralidade”

Discurso íntegro de Alfonso Rueda en la Gala Gallegos del Año

Fotografía: ecg // Vídeo: Javier Rosende Novo

Redacción

O xefe do executivo galego, Alfonso Rueda, quixo comezar o seu discurso agradecendo a presenza das demais autoridades presentes no acto e destacando que deste modo estaban “dignificando e recoñecendo un enorme esforzo que quero personificar en dúas persoas que apostaron por Galicia, apostaron hai moito tempo e seguen apostando”, en referencia a Javier Moll e Arantza Sarasola, presidente e vicepresidenta de Prensa Ibérica. O presidente da Xunta valorou amplamente que ambos decidiran “nun momento crucial, no que había que pensar se valía a pena seguir mollándose aquí” o fixeran.

Rueda destacou que Moll e Sarasola continúen a facer en Galicia “algo tan complicado como é non permitir que caia un medio de comunicación tan senlleiro e importante como é EL CORREO GALLEGO en Santiago. “Podían deixalo pasar”, engadiu, “era máis o risco que a posibilidade de triunfar” polo que agradeceu que “pensaran que valía a pena, moitas grazas Javier Moll e Arantza Sarasola por pensar que paga a pena apostar por Galicia”. “Son moitos anos de historia de EL CORREO pero se alguén tivera o privilexio imposible de ollar isto dende o ano 1878, 145 anos despois mantería o mesmo desexo de ser fiel aos lectores galegos que inspirou aos que comezaron o proxecto”, apostou Rueda.

O presidente da Xunta aseverou que a construción da comunidade “fíxose paso a paso e coa aportación de todos. De galegos coñecidos e anónimos que sempre se preguntaron que podían facer para que a súa comunidade fose máis forte”. Para Rueda, Galicia descansa “hoxe sobre un galeguismo amplo, no que destacan mulleres e homes como os premiados neste acto, “Un galeguismo expresado con palabras e feitos”, ese é ao modo de ver do presidente da Xunta, o nexo entre Carmen Lence, Diego González, Teresa Abelleira, Yolanda Castaño e Felipe Criado; os condecorados onte co premio Gallegos del Año.

Alfonso Rueda pasou a resaltar un por un o traballo dos cinco galardonados. De Carmen Lence puxo en valor “os seus esforzos en favor da Galicia rural, esa Galicia que dá traballo”, comentou aludindo ás palabras da premiada. O presidente valorou que dende o Grupo Lence se fixese real unha necesidade da que se tiña falado moito como é “contar cun grupo lácteo forte, enraizado no país e competitivo en España”.

A Diego González, “o cirurxián galego máis universal”, definiuno en dúas palabras: “investigación e solidariedade”. Destacou de González que realiza operacións que “moi pouca xente ou ninguén máis que el as pode facer” e puxo en valor que o cirurxán “pón a medicina de vangarda a disposición dos que menos teñen”.

Teresa Abelleira e outras como ela fixeron que o ano 2023 fora un fito para o deporte feminino en xeral e o fútbol en particular”. Así, destacou o xefe do Goberno galego o papel da futbolista pontevedresa “dentro e fóra do campo”, representando a Galicia no ano en que o equipo español se coroou como campión do mundo.

Con respecto a Yolanda Castaño, gañadora do Premio Nacional de Poesía grazas á súa obra Materia, Alfonso Rueda fixo fincapé en que “demostrou moito e aínda ten tanto campo para demostrar que a boa literatura sempre é motivo de satisfacción e orgullo”.

Finalmente, a Felipe Criado definiuno como “un activista do coñecemento” e aproveitou para valorar a innovación e afirmar que “esa investigación que todos dicimos que hai que apoiar temos que demostralo con feitos”.

O xefe do Executivo galego mostrouse convencido de que un visitante imaxinario “marcharía convencido de que somos unha comunidade dotada dunha forza extraordinaria, onde hai emprendemento, brilla a investigación, destacamos no deporte, somos creativos, defendemos o patrimonio común”, destacou Rueda.

O presidente da Xunta puxo en valor o traballo conxunto da sociedade “demostramos que a pluralidade para ser defendida e fomentada non require muros nin privilexios, senón un traballo común, un espazo común e un desexo común de achegar a Galicia o mellor de todos nós. A fórmula semella simple, pero non o é”, subliñou.

Alfonso Rueda finalizou a súa intervención lembrando as palabras de Javier Moll na presentación en sociedade da nova etapa deste diario, onde o presidente de Prensa Ibérica subliñou que quería facer de EL CORREO un medio que busca chegar “antes, mellor e máis lonxe”, o presidente da Xunta fixo seu ese propósito para “a Galicia que nos une”.