Os gandeiros galegos pechan 2023 como os únicos que cobran menos de 50 céntimos por litro de leite

Sofren unha caída de case 10 céntimos respecto do que cobraban ao acabar 2022

Os gandeiros galegos pechan 2023 como os únicos que cobran menos de 50 céntimos por litro de leite

Os gandeiros galegos pechan 2023 como os únicos que cobran menos de 50 céntimos por litro de leite

E.P.

O ano 2023 pechouse cun prezo medio de 49,5 céntimos por litro de leite pagado a gandeiros en Galicia, a cifra máis baixa de España e única comunidade que non alcanza os 50 céntimos.

Así figura no último informe de prezos publicado polo Ministerio de Agricultura, no que se recolle que o prezo na comunidade galega queda a case tres céntimos dos 52,1 céntimos de media no país. A cifra galega contrasta, por exemplo, cos 54,2 céntimos por litro que se abonan na veciña Asturias.

Deste xeito, os produtores galegos sufriron unha caída no último ano de case 10 céntimos respecto dos 58,6 céntimos que cobraban a peche de 2022.

Mentres, os produtores con entregas seguen á baixa en 2023, un ano no que se perderon 362 gandeiros lácteos, até quedar nun total de 5.655.

No global de entregas, Galicia alcanzou os 3 millóns de toneladas de leite, o 41% do total do Estado. Supón un aumento do 1% respecto ao volume de 2022. O 66% das vendas fanse dentro da propia comunidade e o 34% a outras autonomías.