Complicidades necesarias

Rosario Álvarez, Presidenta do Consello da Cultura Galega

Rosario Álvarez, Presidenta do Consello da Cultura Galega / ECG

Rosario Álvarez

Rosario Álvarez

Todo país necesita un espello no que mirarse, para recoñecerse ou para descubrir as imperfeccións, así como referentes nos que sentirse representado e que guste de exhibir con orgullo. Esa banda sonora que nos acompaña, este filme de referencia, aqueles versos, ese espazo humanizado..., elementos patrimoniais compartidos que nos identifican e nos unen simbolicamente. As Tanxugueiras do pasado Benidorm Fest puxéronnos nun camiño que xa transitaramos con outras cancións, outras películas ou outros libros, mais sen tal amplificación mediática. O poder dos medios!

O bo momento do audiovisual galego, por caso, é indiscutible. Móstrano os éxitos acadados nas últimas edicións dos certames que avalían o audiovisual español, desde os Goya ao festival de Málaga, pasando por San Sebastián ou outros lugares de referencia, ou a espléndida acollida e ovación en citas tan importantes coma a Berlinale. Non son medidores absolutos, pero non se pode negar que si son indicadores positivos e alentadores de que levaba a bo porto o arduo camiño andado a por de empeño e teimosía por un sector audiovisual que nunca o tivo fácil, cun progreso que se asenta tanto nas mellores opcións de acceso á formación coma no extraordinario talento creativo que nunca falta na cultura galega. A vizosa situación do audiovisual é equiparable á doutras artes, coma as visuais e as escénicas, ou á da xa consolidada literatura, pois abonda con darlle unha rápida ollada ao palmarés dos últimos Premios Nacionais literarios para decatarse da nutrida presenza dos nosos autores e autoras nas diversas categorías. Non é unha percepción subxectiva, é un feito. 

Nestes días, no Consello da Cultura Galega, estamos a revisar as cifras de 2022 do Barómetro 2023, radiografía periódica da cultura galega, que faremos público na vindeira semana. Nel constatamos unha realidade que xa ten xurdido noutros informes do noso Observatorio: unha das principais eivas do sector reside nas carencias na difusión, publicidade, debate crítico e, en definitiva, información. Quizais por iso, aínda que os números revelan unha tendencia positiva obxectiva e cando a nosa creación está a ser recoñecida por sistemas alleos, en Galicia o descoñecemento segue deitando sombras de aprecio sobre a súa calidade. 

Precisamos de máis e mellor información cultural. Precisamos da implicación decidida e convencida da cidadanía, que coñeza e se recoñeza nas manifestacións culturais do noso ecosistema, que as valore e estimule co seu sentido crítico, que se sinta orgullosa delas. Mais, ¿como apreciar o que non se coñece? ¿Como achegarmos aos públicos as noticias e os logros dos nosos creadores e creadoras? Necesitamos a complicidade dun sistema de medios de comunicación propios, atentos á profesionalidade e creatividade desbordante do sistema cultural galego. Recibimos por iso con moita esperanza o pulo desta nova etapa de EL CORREO GALLEGO, confiantes en que, ademais de informar con rigor, obxectividade, pluralidade e independencia, o faga deitando unha ollada propia sobre a nosa sociedade e os seus logros. Un xornal para un país.