Opinión | Cifras e letras

Errare humanum est

Recentemente escribín sobre a incompatibilidade entre a intelixencia, humana ou artificial, e a infalibilidade. Nese caso falaba das máquinas. Pero xa sabemos que nós tamén nos equivocamos, ás veces mesmo cando as máquinas dinnos que estamos a cometer un erro.  

Hai uns días o avión no que volvía de EE.UU. fixo unha parada para encher carburante na fermosa illa Terceira, pertencente ao arquipélago das Azores. Mentres esperabamos explicáronnos algúns detalles da illa elacionados coa súa historia máis recente, en particular á da aviación. Unha das cousas que máis me chamou a atención foi o incidente que tivo lugar no voo 236 de Air Transat, unha compañía canadense. Ocorreu o 24 de agosto de 2001. O avión debía realizar un voo directo entre Toronto e Lisboa, pero moito antes de chegar ao seu destino apagáronse os seus dous motores debido a unha fuga de combustible no motor dereito. O piloto realizou unha aterraxe forzosa na illa, tras facer un dos planeos máis longos, senón o que máis, realizados por un voo comercial, salvando así as vidas das máis de trescentas persoas que ían a bordo.  

Os sensores da aeronave advertiron ao piloto dun nivel anormalmente baixo de combustible nos depósitos á dereita do avión, pero este asumiu que se trataba dun erro. Isto fixo que non tomase a tempo as decisións axeitadas, o que provocou primeiro a parada dun motor e logo a do outro. A partir de aí, máis dun cento de quilómetros planeando cara á illa, incluído un rodeo para lograr a altura adecuada para poder aterrar nela. Aínda que non puiden comprobalo, a persoa que nos explicou este sorprendente feito díxonos que o piloto fora despedido polo seu erro ao desatender a alarma dada polo computador de a bordo e tomar despois algunhas malas decisións.  

O seu erro non foi o único neste suceso. Dias antes o equipo de mantemento do avión cambiara o motor dereito por un novo, aproveitando para iso algunhas pezas hidráulicas dun modelo máis antigo, e que non eran idénticas ás do novo motor. Esa foi a causa da fuga de combustible. 

Os erros humanos relacionados coa nosa conquista do que está por riba das nosas cabezas foron ás veces clamorosos. Iso de ter a cabeza nas nubes parece que non se nos dá tan ben como ter os pés no chan. Comentarei dous máis que parécenme de chiste.  

En 1998 enviouse a Marte unha sonda para estudar o seu clima. Tras varios meses de viaxe a sonda destruíuse ao entrar na atmosfera de Marte, debido a un erro de navegación causado pola discrepancia entre as unidades imperiais utilizadas polos controladores terrestres, de uso común en Reino Unido e Estados Unidos, e as utilizadas no software, que seguían o sistema métrico decimal.  

Tamén un erro humano botou por terra outro enxeño na súa viaxe ao espazo. En 2020 un satélite español, deseñado para a observación terrestre, perdeuse debido a un fallo no foguete que debía poñelo en órbita, operado pola Axencia Espacial Italiana e a Axencia Espacial Europea. Con el fóronse ao garete 200 millóns de euros e unha década longa de traballo. Este fallo aínda debe ruborizar a quen o cometeu ou non o detectou a tempo. Non foi un problema de deseño senón de montaxe. Alguén conectou uns cables ao revés de como debían ir, e isto fixo que os motores do foguete non funcionasen ben. Por se isto fose pouco, o satélite nin sequera estaba asegurado.  

As máquinas, sobre todo as intelixentes, aínda que poden axudarnos a cometer menos erros, nunca garantirán que estes non ocorran. É máis, na discrepancia podemos equivocarnos tanto se lles facemos caso coma se non é así. O piloto do voo 236 equivocouse ao ignorar á máquina, pero Stanislav Petrov acertou non facéndoo, e así librounos dunha guerra nuclear en 1983, cando este tenente coronel do exército soviético incumpliu o protocolo previsto en caso dun ataque con mísiles, que naquel caso acabou sendo unha falsa alarma.  

Aínda que errar non é só humano, é seguro que xuntos, persoas e máquinas, equivocarémonos menos veces.