Opinión | Negro sobre branco

É válida unha celulosa en 2024?

POR QUE NOS PODEMOS preguntar isto? Non é certo que existe unanimidade en que precisamos máis industria? Non é unha reclamación xeral tanto do tecido empresarial na súa representación institucional como dos sindicatos e dos partidos políticos actuantes en Galiza que se precisa investimento industrial? Como se pode dar unha resposta irada en contra do proxecto de Altri? Por que hai xente que opina que non é un proxecto válido? Será porque non todo vale nen en política, nen en industria ou en política industrial. Por certo, non disimula nen cambiando de nome: ‘Greenfiber’, nunha manobra de ‘greenwashing’ (lavado a verde), ben basta: é unha pasteira anticuada. 

Os fondos Next Generation crearon unhas expectativas de existencia de financiamento para proxectos industriais. Mais, como todo na UE, as industrias candidatas ao uso desas facilidades han seguir unhas normas e cumprir uns requisitos deseñados de acordo coas liñas marcadas nos PERT’s nas que non entra calquer proxecto. En concreto, unha celulosa con tecnoloxía de mediados do século XX (dicemos isto porque vai precisar máis auga no proceso que ENCE) non é de interese na Europa comunitaria actual, nen atopa lugar nos actuais postulados. Non é vontade do goberno español, non é cuestión de maior ou menor interese, non é política de amigos ou de inimigos; é que, simplesmente, non é proxecto de futuro. 

Ao formular que non todo vale en política industrial é por razón de saber e coñecer que industria lle convén a Galiza, que tipos de proxectos realizan ‘tirón’ industrial e dos servizos relacionados, cais crean en forma de círculo virtuoso unha rede de produción asociada que cumpre os requisitos, no só os que lle interesan ao estado da UE, senón ao futuro do país. Non vale calquer industria, con características demandadoras de recursos medioambientais en cadea sen fin e producindo só bens para exportar; non valen as industrias coñecidas coas características de enclaves industriais; non valen as industrias que non xeran emprego ou destrúen máis do que xeran; en fin, non valen as industrias que son recebidas en Galiza como lugar de ocupación e despois de sofrer rexeitamento en todas partes. 

Temos coñecemento pola historia económica do noso país do pouso que deixaron as hidroeléctricas e o nulo encadeamento industrial de que se acompañaron. Ou xa esquecemos que Fenosa exportaba electricidade para industrializar calquer economía fóra de Galiza e aquí non había nen bon tendido eléctrico nas cidades? Ou acaso non temos coñecemento da herdanza que vai ficar do paso de Alcoa en forma de lago de lodos vermellos? Do paso de Meirama, do de Endesa... despois de desfrutaren até de investimento público en infraestruturas? Da desaparición, por un longo período, e grazas a anti-política industrial dos asteleiros públicos? Nen nos piores pesadelos poderíamos desexar que baixo o principio paifoco de máis vale paxaro en man tivésemos que facernos cargo de criar corvos, iso si, estranxeiros. 

Xa perguntaremos por que non seguen profundando no investimento en Portugal. Ou será que no seu país van levar a serio o de prohibir plantar máis eucaliptos? Ou será que só aquí teñen posibilidades financeiras favorábeis?