Aberta a inscrición para optar ás 59 prazas do Concello

A elas súmanse as 92 xa convocadas en decembro no proceso extraordinario de estabilización e as 71 de promoción interna

O director da Área de RRHH, Juan Porrúa, e a edil Marta Abal presentando a convocatoria.

O director da Área de RRHH, Juan Porrúa, e a edil Marta Abal presentando a convocatoria. / k.m.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) acaba de publicar a convocatoria dun total de 59 prazas de persoal funcionario de carreira e de persoal laboral fixo no Concello de Santiago, para a súa cobertura a través do sistema de oposición e quenda libre. A estas prazas súmanse as 92 xa convocadas en decembro dentro do proceso extraordinario de estabilización e as 71 de promoción interna de persoal funcionario de carreira que xa presta os seus servizos en Raxoi.

Tras a súa publicación este luns no Boletín Oficial do Estado, o Concello de Santiago abrirá este martes o prazo de solicitude para participar na convocatoria de 59 prazas de persoal funcionario de carreira das escalas de administración xeral (31) e de administración especial (25), así como tres prazas de persoal laboral fixo.

Estes novos postos, así como os do proceso de estabilización e a próxima convocatoria de promoción internas, suman un total de 222 prazas, segundo informa o propio concello nun comunicado.

As 59 prazas convocadas este luns xa foran publicadas o pasado 16 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e cubriranse polo sistema de oposición libre.

En total, serán 31 para persoal funcionario de carreira da escala de administración xeral, sendo dúas para técnico da administración xeral A1, oito para técnico de xestión A2, doce para administrativo C1, oito para auxiliar administrativo C2 e unha praza para uxier AP.

Dos 25 postos de personal funcionario da escala de administración especial, unha será para enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos A1, outra para técnico de arquivo 1, unha para técnico de comunicación A1, dúas para arquitecto técnico, outras dúas para enxeñeiro técnico industrial, tres para músicos A2 (dous trompetas e un fagot), unha para técnico medio de Deportes, outra para técnico medio de Informática A2 e unha para técnico medio de Prevención e Seguridade Operativa A2. Neste apartado tamén se inclúen dúas prazas para bombeiros en Xestión Operativa e Preventiva C2, unha para bombeiro condutor C2, outra para carpinteiro metálico C2, outra para condutor operador C2 e cinco postos para operario de servizos múltiples C2.

A todo iso súmanse tres prazas de persoal laboral fixo, unha para diplomado universitario en Enfermería-DUE A2, outra para auxiliar de clínica C2 e a terceira para técnico de mantemento C2.

As 59 prazas serán cubertas por quenda libre e sistema de oposición e o prazo de presentación de instancias será de vinte días naturais desde este martes, tras a publicación do anuncio no Boletín Oficial do Estado este luns.

O proceso consiste en superar unha proba tipo test, cuxo número varía en función do grupo de clasificación e un suposto práctico relacionado coas funcións propias do posto a desenvolver e baseado no temario publicado para cada grupo e categoría profesional. Ademais para os grupos superiores, A1 e A2 as persoas participantes no proceso terán que desenvolver por escrito dous (A1) ou un (A2) tema dos catro ou dos dous, respectivamente, propostos polo tribunal.

O Concello de Santiago tamén levou a cabo un proceso selectivo extraordinario de estabilización para a cobertura de 92 prazas co obxectivo de incrementar a estabilidade no emprego público municipal.

Está tamén pendente o anuncio no Boletín Oficial da Provincia para a publicación das bases dos procesos selectivos convocados para a provisión de 71 prazas de promoción interna polo sistema de concurso oposición. Dese total, 10 corresponden a administración xeral e 61 de administración especial.