Rueda non descarta “aumentar a partida” de Santiago por ser a capital de Galicia

O presidente da Xunta non determina cando pode producirse este incremento // Lémbralle a alcaldesa outras actuacións da Administración autonómica na cidade

Rueda e Sanmartín na reunión de outubro en San Caetano

Rueda e Sanmartín na reunión de outubro en San Caetano / Jesús Prieto

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, referiuse ao Estatuto de capitalidade da cidade na súa comparecencia de prensa logo do consello deste luns para indicar que non descarta “aumentar a partida” que a Administración autonómica lle traslada ao Concello de Santiago por este concepto. O presidente lembrou que este tema xa se abordou na xuntanza que mantivo coa alcaldesa en outubro do ano pasado, pero lembrou que esta “non é a única asignación que recibe o Consistorio de fondos da Xunta”.

“Non descarto un aumento, pero tamén reivindico para sucesivos orzamentos poñer en valor todo aquilo que se está achegando e que se o levamos a unha suma global será unha cantidade importante”, sostivo Alfonso Rueda, que pese a todo non puxo data a ese futuro incremento.

Respondía así Rueda ás palabras da alcaldesa Goretti Sanmartín, que o pasado venres facía referencia ao estancamento desta achega da Xunta nas Conversas organizadas pola Cadena Ser no NH Santiago. “Á conxelación da achega da Xunta é inexplicable” sentenciaba Sanmartín, “o lóxico sería constituír xa a Comisión de capitalidade”.

Neste sentido, Alfonso Rueda puxo en valor outros investimentos que a Administración autonómica fai na capital galega. Rueda relatou que Compostela recibe diñeiro autonómico a través do Fondo de Cooperación Local e mais do Consorcio de Santiago -entidade participada polas tres administracións: Estado, Xunta e Concello, e cuxo incremento da achega autonómica o presidente Rueda supeditou a un aumento por parte do Goberno central-.

O presidente da Xunta falou tamén de investimentos concretos coma os de saneamento e outras actuacións en distintos puntos da cidade, e nesta liña, pese a recoñecer a reclamación “lexítima” da alcaldesa de Santiago, insitiu en poñer o foco no “importante esforzo” que a Xunta fai na cidade.

Alfonso Rueda tamén fixo referencia ao feito de que as instalacións autonómicas estean situadas na capital galega, no barrio de San Caetano, e recoñeceu, como se insiste dende Raxoi en que este feito “pode motivar cargas adicionais” na cidade, pero tamén apuntou a que “sen ningunha dúbida” tamén implica “beneficios adicionais”.