O Executivo local de Santiago aproba o Plan de contratación cun total de 223 millóns

O documento recolle 82 contratos maiores e de regulación harmonizada

O concelleiro de Facenda, Manuel César, no Pazo de Raxoi

O concelleiro de Facenda, Manuel César, no Pazo de Raxoi / CONCELLO

O concelleiro de Facenda, Manuel César, presentou onte no Pazo de Raxoi o Plan de Contratación municipal para 2024, un proxecto que recolle máis de 82 contratos e cuxa suma orzamentaria ascende a 223 millóns de euros. O edil definiu este plan como “a folla de ruta que guiará o Goberno local e a administración” co obxectivo de prestar “servizos públicos de calidade, desenvolver políticas sociais, realizar a transformación urbana e avanzar na mellor gobernanza”, como xa indicaran na presentación do orzamentos de 2024.

O documento recolle a licitación de contratos maiores e aqueles suxeitos a regulación harmonizada (os de servizos cun valor igual ou maior a 143.000 euros e outros contratos con valor estimado igual ou superior a 5,5 millóns). Referíndose a que algúns destes contratos excederan 2024 -como poder ser o servizo de transporte urbano, cunha duración de 13 anos-, César puntualizou que o plan é “programático e orientativo e non un documento pechado, porque é un proxecto vivo e pode haber contratos que se liciten aínda que non vaian neste documento e esperemos que a maioría dos contratos que aparecen aquí sexan licitados porque ese é o noso compromiso”.

Entre os contratos de servizos, ademais de destinárense máis de 9 millóns ao transporte colectivo, achéganse 1.427.000 euros aos servizos de conserxaría e limpeza dos centros escolares, 875.000 a pavillóns deportivos e 1.400.000 máis a centros socioculturais. En materia social continúase o contrato da rede de CSC con 6,3 millóns e de nova creación será o contrato piloto de cociñas nos comedores escolares -con 448.000 euros- e o servizo de asesoramento LGTBI con 135.000.

En canto á Administración local o contrato de maior contía -826.000 euros- destinaranse á seguranza informática municipal e no tocante a urbanización, entre as obras está a da rúa García Lorca, con 967.000 euros, e que por un erro no procedemento de contratación leva máis de 9 meses de demora. O edil afirmou que se traballa para licitala canto antes.