A rururbanía, eixo da nova edición da Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo

O certame, que acada este ano a súa maioría de idade, terá lugar dos días 15 ao 21 de marzo

Museo do Pobo Galego en Santiago.

Museo do Pobo Galego en Santiago. / ECG

Redacción

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego acada este ano a maioría de idade.

A cita, do 15 ao 21 de marzo en Santiago, abre a temporada anual de festivais e mostras galegos de cinema.

Esta edición da MICE, a sétima como festival internacional con seccións competitivas, estará centrada na rururbanía. Un concepto definido en relación a

aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural. Zonas de intersección nas que aparecen o conflito e o desencontro, pero onde tamén xorden novas formas de resistencia, de socialización do patrimonio ou de prácticas culturais.

O rururbano, analizado desde o cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual, será a temática que artelle toda a programación da MICE, desde as seccións a concurso (Galicia e Internacional), ata as seccións paralelas (Trazas, Lindes e Impropias), así como as accións formativas destinadas a público profesional e escolar, e o resto das actividades.

Tamén a imaxe da MICE elixida para este 2023 está inspirada no concepto da rururbanía. A novísima creadora Coral Piñeiro é a artífice do cartel, así como da peza audiovisual.

A formación para profesionais nesta edición estará a cargo do Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental (LAAV).