O BNG reclamará que o caso Desproi chegue ata a Fiscalía

Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín / ECG

Redacción

O BNG defenderá unha moción no pleno para trasladar á Fiscalía, no prazo dun mes, o expediente de contratación irregular e toda a documentación relacionada coa empresa Desproi, co obxectivo de esclarecer o acontecido e de que se adopten as responsabilidades xudiciais que correspondan se as houber. Segundo explicou a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, despois de se coñeceren nas últimas semanas novos datos sobre a contratación irregular dunha nave por parte do Concello de Compostela, froito da sinatura dun contrato entre o alcalde de Santiago e un alto cargo da UGT e de Unións Agrarias, “fican aínda moitas incógnitas sen resolver e, sobre todo, varias constatacións de ter o goberno local mentido á poboación ou silenciado a súa responsabilidade directa nalgúns dos feitos que rodean este turbio proceso”.