A USC aumentou en 150 a cifra de prazas dos seus campamentos de verán nunha década

Este ano oferta cen en cada unha das cinco quendas dende xuño a setembro, sen incluír agosto, para a comunidade universitaria e público xeral

Acaba de pechar a inscrición

Rapaces nunha actividade do campus de verán da Universidade de Santiago

Rapaces nunha actividade do campus de verán da Universidade de Santiago / Cedida

O programa Verán CampUSC 2024, organizado pola Fundación Universidade de Santiago, pechou onte o seu prazo de inscrición. O seu obxectivo é promover a conciliación da vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria como do público xeral. Ofértanse un total de 100 prazas por cada unha das cinco quendas (unha en xuño, tres en xullo e outra en setembro). “Non temos datos pechados e ata o último día pódese anotar cativada, pero xa se pode confirmar que o movemento de inscricións está seguindo o ritmo de anos anteriores, co cal indica que seguramente se cubra practicamente a totalidade de prazas”, asegura en conversa con EL CORREO, Óscar Hermida, xerente da Fundación USC. Para acceder ao programa non inflúe a orde da presentación de solicitudes. 

A oferta foi aumentando progresivamente, xa que hai unha década, en 2014, poñíanse a disposición da sociedade 70 prazas por quenda, sumando un total de 350. A cifra total de nenos e nenas inscritas en 2023 foi de 163. Son usuarios distintos que pasaron polo programa, “xa que hai unha alta porcentaxe que participan en varias quendas ou incluso na súa totalidade”. Non se logrou chegar á cifra agardada pola USC, similar á de anos anteriores, de 200 rapaces e rapazas.

O 70% das prazas están reservadas para a comunidade universitaria. “Se non se cubren quedan abertas a quen queira inscribirse”, detalla Hermida, destacando que ademais de usuarios de Santiago hai outros pertencentes a concellos limítrofes.

No pasado ano a distribución situábase no 61% de nenos/as de familias da USC e o 39% para o público en xeral, mentras que hai dez anos, no 2014, rexistrouse un 66% fronte ao 34%. Na pandemia, os anos 2020 e 2021 foron os únicos nos que houbo un maior número de usuarios de persoas alleas á comunidade universitaria nunha porcentaxe de 49% frente a 51%.

No Campus Sur

O programa dotado dunha base de actividades deportivas tradicionais e alternativas, xunto con obradoiros, actividades e saídas culturais, está dirixido aos nenos e nenas nacidos/as entre os anos 2011 e 2020 (ambos incluídos) e desenvólvese fundamentalmente no Campus Sur, nas instalacións deportivas da USC e en todos os espazos verdes que hai ao redor. Estas actividades buscan o desenvolvemento psíquico-físico dos participantes e todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas.

Actividades deportivas nos campamentos de verán da Universidade de Santiago

Actividades deportivas nos campamentos de verán da Universidade de Santiago / Cedida

En palabras de Óscar Hermida, o obxectivo fundamental é “crear un espazo onde os fillos/as de familias con necesidades no verán continúen o proceso de adquirir coñecementos, ademais de pasalo ben e divertirse”. Trátase dun programa “moi consolidado” xa que este ano celebra a súa XVI edición. Cada ano búscase aportar novidades xa que, como comenta o xerente da Fundación USC, hai nenos e nenas que comezan no programa con 4 anos e continúan ata os 12 anos. “Búscase que sexa unha programación diversa e que non se practiquen só os deportes máis tradicionais ou se fagan actividades que poden desenvolverse noutros campamentos ou nos propios colexios”, di.

Por cada quenda, na que se agardan uns 100 nenos e nenas, cóntase con 10 monitores e un director/a. Trátase de persoal propio da Fundación da USC, que conta co apoio de monitores externos de ocio e tempo libre.

Convenio co Concello

As familias deben aportan unhas cotas de inscrición, que axudan a pagar os custos do programa. Ademais, a USC ten un convenio de colaboración co Concello de Santiago que aporta unha cantidade económica. “Cada ano solicitamos, ademais, algunha subvención da Deputación e tamén nos beneficiamos dos fondos propios da Fundación”, aclara.

Polo que respecta á valoración que fan as familias usuarias do servizo, a cualificación media sostida no tempo é próxima ao sobresaínte. No ano 2014 a nota foi de 8,6; no 2020, 9,3; e o pasado ano, 9,7, a máis alta da última década.

“A verdade é que a valoración do programa é moi positiva, pero o que realmente importa é o ‘feedback’ reflexado nos cuestionarios de satisfacción que lles pasamos ás familias para que trasladen as inquietudes e aspectos a mellorar de cara a vindeiras edicións”, comenta Hermida.

De luns a venres

O programa terá lugar de luns a venres (agás festivos) de 8.45 a 14.45 horas. A primeira quenda vai do 24 ao 28 de xuño; a segunda, do 1 ao 12 de xullo; a terceira, do 15 ao 19 de xullo; a cuarta, do 22 ao 31 de xullo e a quinta, do 2 ao 10 de setembro.

Os lugares de chegada e saída das persoas participantes serán o pavillón polideportivo universitario, na rúa Joaquín Díaz de Rábago ou o estadio de atletismo, na avenida de Novoa Santos.