O CGAC celebra os seus trinta anos de vida convertido nun referente de vanguardia na arte contemporánea

O museo gañouse o respecto de todo o sector cultural, segundo o conselleiro// Oobxectivo, superar os 50.000 visitantes do 2022

Fotografía de familia do conselleiro de Cultura, o director xeral de Cultura e o director do CGAC co persoal do centro museístico compostelán

Fotografía de familia do conselleiro de Cultura, o director xeral de Cultura e o director do CGAC co persoal do centro museístico compostelán / Xunta de Galicia

O Centro Galego de Arte Contemporánea conmemora este ano as súas tres primeras décadas de vida convertido “nun referente artístico no eido da arte contemporánea en Galicia, así como en España e a nivel internacional”, segundo asegurou este luns o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación da programación coa que o museo compostelán celebrará esta efeméride ao longo de todo o 2023.

Na súa intervención, definiu o papel do CGAC como “unha porta pola que moitos artistas puideron saír ao exterior desde aquí, e moitos outros xa consagrados puideron ter nel un foco para expandir as vangardas”. Unha fiestra, dixo, “para ver o mundo e a arte desde Galicia adiantándose ás tendencias plásticas e culturais que se acabarían impoñendo no sector creativo sen deixar de lado as sensibilidades artísticas do momento”.

Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo actual director do museo, Santiago Olmo, Román Rodríguez dixo que non é fácil gañarse o respecto de todo o sector cultural, pero “se algo fixo ben o CGAC nestes trinta anos foi gañarse o respecto de toda a cadea de valor da cultura contemporánea”, algo polo que asegurou que “toda Galicia debe sentirse orgullosa”.

Lembrou o que supuxo a creación dun centro “rupturista, diferente, o debate sobre se este espazo encaixaría nas inmediacións do casco histórico, e tendo en conta cales eran as expectativas culturais de entón, moi diferentes ás de hoxe”.

Considerou que o edificio, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza, ao que calificou de xenio, “soubo envellecer ben, hai veces que esto non sucede coas obras contemporáneas, pero este centro envelleceu moi ben desde a perspectiva da cidade, implicouse moi ben na vida da cidade, sendo un grandísimo edificio, moi flexible, con capacidade tamén para concertos ou festivais: un espazo moi útil como contedor”.

Para o conselleiro de Cultura, “houbo un salto cualitativo e cuantitativo espectacular, tanto na capacidade creativa como nas exposicións ou nos espazos”, e engadiu que “moitas veces hai que ver de onde vimos para ver o enorme traballo que se fixo, a capacidade programática, creativa e a da sociedade de converterse en usuaria desa cultura”. 

Entre os obxectivos do centro museístico compostelán, Román Rodríguez falou de superar os 50.000 visitantes que o CGAC tivo o pasado ano, aínda que lembrou que foi un Ano Santo, pero incidiu en que foi unha cifra moi importante, que demostra o desexo da xente de “poder acceder a un centro tan especializado como este”.

Definiu a súa colección como “unha das coleccións públicas máis importantes de Galicia e España”, grazas a todos os profesionales que pasaron polo centro, aos responsables políticos e aos directores do museo, que con diferentes expectativas cada un deles, “todos tiveron un denominador común, querer que o traballo do CGAC trascendera, buscar a calidade e a excelencia, apostando polo talento local, nacional e internacional”. E o fixeron tratando de “adelantarse e ser punta de lanza dos proxectos culturais máis arriscados”.

Tamén Santiago Olmo fixo referencia aos seus antecesores no cargo e lembrou que o CGAC forma parte desa primeira xeneración de espazos concibidos para albergar arte contemporánea. “A súa creación foi froito dun amplísimo debate público na sociedade civil galega, no que participaron artistas, arquitectos, intelectuais, escritores, xornalistas e xente da cultura”, dixo.