Representantes ecoloxistas denuncian a actitude obstrucionista da Conselleira de Medio Ambiente

ADEGA, FEG e SGHN presentan unha queixa pola reiterada negativa da Presidencia a permitir no COGAMADS o debate sobre as repercusións ambientais do “boom” eólico

Debate sobre as repercusións ambientais

Debate sobre as repercusións ambientais / ADEGA

Redacción

Os vogais ecoloxistas no COGAMADS (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel) vimos de acudir en amparo á Valedora do Pobo para que se nos permita exercer libremente as nosas funcións como membros deste organismo colexiado. Diante do persistente veto da presidenta, a conselleira Ángeles Vázquez, a incluir na orde do día unha proposta dos representantes ecoloxistas (ADEGA, FEG e a SGHN, xunto co SLG-CCLL) para debater e valorar as repercusións do actual “boom eólico” sobre o medio ambiente, decidimos presentar unha queixa na Oficina da Valedora para recuperar o noso pleno dereito a participar neste organismo.

Dende hai máis de un ano a conselleira Ángeles Vázquez, presidenta do COGAMADS, leva impedindo primeiro mediante subterfuxios (ausentarse e pechar a sesión en falso) e despois con silencios e falsidades o debate das propostas presentadas por varios vogais, os representantes dos colectivos ecoloxistas e o SLG-CCLL (Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas). Por dúas veces as nosas organizacións reclamamos a inclusión do debate sobre o asunto eólico, e por dúas veces a presidenta evitouno. Como consecuencia desta recorrente actitude obstrucionista e antidemocrática, os vogais ecoloxistas decidimos como protesta non participar nas dúas xuntanzas seguintes deste organismo (31 de maio de 2022 e 14 de febreiro de 2023), achegando un escrito explicativo da nosa decisión para ser incluido nas actas, petición que tamén foi ignorada.

Nesta última sesión, as representantes das organizacións SLG-CCLL, CIG e UDC (Universidade da Coruña) salientaron a ausencia dos colectivos ecoloxistas apelando á Presidencia. Ángeles Vázquez comprometeuse a contactar coas vogalías ecoloxistas ausentes para “solventar a situación”. A día de hoxe e diante dunha nova convocatoria do COGAMADS para o 28 de febreiro na que tampouco figura a nosa proposta de debate eólico, seguimos sen ter noticias da Presidencia como prometera. Na acta anterior tampouco se incluíu, malia a telo solicitado previamente, o escrito xustificando os motivos da ausencia dos vogais ecoloxistas. Por todo iso, os representantes ecoloxistas ausentarémonos novamente da vindeira sesión.

O continuo desprezo da Presidencia do COGAMADS para cos dereitos dos vogais eleitos deste organismo colexiado supón un grave exercicio de autoritarismo e arbitrariedade que lesiona gravemente o nosos dereitos de expresión e de participación pública. Os vogais ecoloxistas no COGAMADS, representantes dos colectivos ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), FEG (Federación Ecoloxista Galega) e SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), solicitamos o amparo da Valedora do Pobo para que se nos restitúan os dereitos que nos asisten como membros eleitos do COGAMADS. Solicitamos tamén que a Valedora inste á Presidencia a desistir na súa postura obstrucionista e abandonar as prácticas antidemocráticas dirixidas a evitar o debate neste órgano colexiado de determinadas cuestións de fondas repercusións ambientais e sobre as que ten responsabilidade directa.