Verea avisa que se é alcalde paralizará o Plan Especial do Camiño para “facer as cousas ben”

Borja Verea escoitando os veciños

Borja Verea escoitando os veciños / Twitter

Redacción

Borja Verea, candidato do PP á Alcaldía de Santiago, mantivo unha reunión cos veciños de Bando no que escoitou os problemas da parroquia e tomou boa nota das melloras que precisan. Esta xuntanza estivo encadrada dentro dos encontros directos cos cidadáns que leva meses facendo por barrios e parroquias, ás que hai que engadir tamén as visitas con entidades deportivas, culturais, sociais entre outras e que teñen como obxectivo “construír un programa de goberno sólido e solvente”.

Para Borja Verea “que os veciños se enterasen deste Plan Especial a través dunha carta municipal é o mellor exemplo do pasotismo e a soberbia do goberno socialista”, xa que “é un despropósito presentar esta modificación sen escoitar antes aos afectados” sobre todo “cando esta modificación supón un perxuízo tan grande para todos os propietarios de vivendas, negocios e fincas”. E dixo que de ser alcalde, “paralizaremos e anularemos a posta en marcha deste Plan Especial e faremos as cousas ben”.