Ultimato da Xustiza á USC: dálle 30 días para negociar o plan de acción social que beneficia a 543 traballadores

A sala do Social do TSXG volve condenar a Universidade de Santiago de Compostela a negociar cos sindicatos as achegas ao plan de acción social do persoal de administración e servizos con vínculo laboral.

Facultad de Ciencias Económicas y Empresariales USC, Santiago de Compostela

Facultad de Ciencias Económicas y Empresariales USC, Santiago de Compostela / USC

Redacción

A sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volve condenar a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a negociar cos sindicatos as achegas ao plan de acción social do persoal de administración e servizos (PAS) con vínculo laboral. Este colectivo está formado por unhas 543 persoas, segundo recolle a sentenza. Agora, o alto tribunal dálle á Universidade un prazo de 30 días para abrir un proceso negociador no que se acorden as contías de dito plan para o exercicio 2021, segundo informa Comisións Obreiras (CCOO) nunha nota de prensa.

Segundo esta nova sentenza -a anterior é do 2020, referente aos exercicios 2018 e 2019-, a USC vulnerou tanto o disposto no convenio colectivo como o dereito dos traballadores e traballadoras á negociación colectiva. Conforme ao artigo 87 do convenio colectivo, a USC está obrigada a constituír anualmente un fondo de acción social para o PAS laboral, equivalente ao 1% da masa salarial. O fondo, que debe ser negociado cos sindicatos, dedicarase a financiar un seguro para cubrir invalidez ou morte e para realizar achegas a un plan de pensións privado. Coas cantidades sobrantes do fondo tamén se financian outras medidas de carácter social que atanguen ao colectivo.

A USC tentou desvincularse das súas obrigas argumentando que a Lei de orzamentos da comunidade autónoma de Galicia a forzaba a tomar medidas de contención salarial. Para o TSXG, isto, "lonxe de constituír un obstáculo, pon en evidencia o incumprimento da norma pactada [o convenio], que ten forza vinculante, obrigando as partes que o concertaron ao seu estrito cumprimento".

Unha estratexia "encamiñada a bloquear"

Canto á vulneración do dereito á negociación colectiva, ficou tamén probada para o alto tribunal, tanto polo contido das actas achegadas no xuízo, como pola achega por parte da USC dunha contía para a acción social que non foi negociada como era preceptivo. Por esta razón, a sala conclúe que a estratexia da Universidade "parece máis ben encamiñada a bloquear e impoñer rixidamente a súa decisión de non continuar coas achegas [...], sen ofrecer alternativas".

A USC cometeu estas vulneracións, ademais, con coñecemento de que había unha sentenza previa sobre os mesmos feitos. A propia sala do Social lembra que se trata dos mesmos xulgados en 2020, só que en referencia a un exercicio económico posterior. Por esta mesma razón, a sentenza obriga a USC a indemnizar a CCOO, sindicato demandante, coa contía de 4.000 euros pola vulneración do dereito á negociación colectiva, unha infracción tipificada como "grave". E aclara, tamén, que esta contía é superior á estipulada no ano 2020 —3126 euros— pola "necesidade de acudir a un novo proceso" xudicial.

Agora ábrese un período de 30 días para que a USC negocie coa parte sindical as achegas correspondentes a este plan de acción social. No anterior proceso, correspondente ao período 2018-2020, "resultou nunha contía de 841,43 euros por cada un dos partícipes no subplan de pensións do PAS laboral da USC", sinala a sección sindical de CCOO.

Aínda que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo, CCOO agarda que, «ante o ton rotundo da sentenza», a USC cumpra coas obrigas do convenio e co contido da sentenza. Ao mesmo tempo, esixe que as achegas correspondentes ao 2022 "sexan ingresadas como corresponde, sen obrigar as traballadoras e traballadores a emprendermos unha nova acción xudicial en defensa dos dereitos laborais".