O alcalde comprométese en Laraño a mellorar a seguridade na estrada Bugallido-A Barcia

O alcalde compostelán durante o encontro coa veciñanza de Laraño.

O alcalde compostelán durante o encontro coa veciñanza de Laraño. / l.r.

Nun encontro coa veciñanza de Laraño, o alcalde comprometeuse a mellorar a seguridade na estrada de Bugallido–A Barcia, conxestionada polo tráfico que vén desde o Milladoiro. Concretamente, a folla de ruta pasa por establecer medidas inmediatas que limiten a velocidade dos vehículos que transitan por este vial, ao tempo que se traballa nun proxecto para a mellora do vial que contemple a construción dun itinerario para dar seguridade ao peón, segundo se recolle nun comunicado de prensa.

Bugallo, que acudiu ao encontro con outros membros do goberno local, explicou que “primeiro se trataría de analizar a presión nesta rúa contabilizando os vehículos e as velocidades ás que circulan” para despois “establecer elementos disuasorios como radares informativos e incrementando a sinalética”.

Ademais, o alcalde adiantou que, co novo contrato de transporte público que levará a Xunta de Goberno a próxima semana para iniciar o procedemento de licitación, “melloraranse e incrementaranse as frecuencias con Laraño e co resto de parroquias, tamén durante a fin de semana”.

A idea é reformular as rutas co propósito de que o autobús chegue ao propio núcleo de Pardiñas e dea servizo de conexión co fundamental. “Haberá conexión co CHUS e con Virxe de Cerca para facilitar o acceso ao centro urbano e, pensando tamén nas persoas usuarias da Praza de Abastos”, avanzou.