Goretti Sanmartín asegura que o BNG é a única alternativa fronte o PP para un cambio en Santiago

Ana Pontón móstrase convencida de que a candidata do Bloque será a próxima alcaldesa: “Ten o proxecto, o equipo e o liderado”

Redacción

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, participou onte na Sala Capitol na presentación da candidatura do Bloque en Santiago, destacando o seu total convencemento de que o 28M a capital galega terá por primeira vez na súa historia unha muller á fronte da Alcaldía.

“Desde a razón e desde o corazón quero empezar dicindo algo do que estou profundamente convencida: o 28 de maio esta cidade vai facer historia elixindo a Goretti Sanmartín como a próxima alcaldesa de Santiago, a muller que vai ser capaz de abrir un tempo novo de futuro e de ilusión para devolverlle a Compostela o pulso, o dinamismo, o liderado e a forza que lle corresponden” , dixo.

A líder do Bloque destacou que Santiago precisa saír da rutina “porque non pode moverse co piloto automático, ten que recuperar o pulso e toda a vitalidade no comercio, na cultura, no tecido económico local, na participación cidadá, nas infraestruturas, en servizos públicos. Precisa avanzar cara unha cidade sustentable, igualitaria, feminista”, sintetizou. E o BNG “ten o proxecto, equipo e o liderado para facelo posible da man de Goretti Sanmartín”, recalcou. Será unha alcaldesa, engadiu, “coas mans libres para defender os intereses de Santiago e da súa xente, que non ten que pedirlle permiso a ninguén para reclamar o que é xusto para a veciñanza”.

Remarcou a implicación da candidata nacionalista para conseguir unha cidade na que calquera persoa poida desenvolver un proxecto de vida, “incluída unha mocidade que hoxe se ve practicamente expulsada pola carestía da vivenda”.

Pontón subliñou que Sanmartín “ten proxecto estratéxico e visión de futuro para construír unha Compostela en grande: grande en dinamismo económico, en cultura, en servizos públicos, grande en transparencia e en protagonismo da cidadanía”, destacou, ao que suma “o entusiasmo e a enerxía desbordantes” dunha candidata que ten a cabeza e o corazón na cidade.

Goretti vai conseguir que Santiago recupere o lugar que lle corresponde, colocar esta cidade na vangarda, cun proxecto transformador que bebe do modelo municipal de éxito do BNG, un modelo que transforma en positivo mellorando a vida das persoas, que xera dinamismo económico e social, que xestiona con eficacia e con transparencia cada euro, un modelo municipal que é referente dentro e fora de Galiza”.

Implicación da sociedade

Pola súa parte, Sanmartín agradeceu a representantes de numerosas asociacións que asistiron ao acto, do ámbito veciñal, cultural, ecoloxista, da lingua, do patrimonio e do tecido económico e manifestou que “non é posíbel facer política municipal sen contar coa súa implicación, coa participación dos sectores máis dinámicos do concello”. Máis de 400 persoas encheron a Sala Capitol.

Fixo referencia a que Santiago “non se pode resignar, porque merece moito máis, merece ilusión, ideas novas e ganas de cambiar as cousas”, indicou, antes de apuntar que “merece unha Corporación que se preocupe polas persoas que aquí viven, para sentir que estamos nunha cidade única, con enormes potencialidades e cun extenso rural que non pode ser seguir a ser discriminado”, engadiu na súa intervención.

Sanmartín está convencida de que “a xente quere cambio e só hai dúas opcións: ou Borja Verea e o PP ou o verdadeiro cambio transformador que representa o BNG”. “O Bloque merece, por vez primeira, gobernar o concello na Alcaldía”, concluíu .