Rozas reclama un mediador municipal no conflito do servizo de axuda no fogar

“É inadmisible que se pretenda precarizar aínda máis a estas mulleres”, denuncia

María Rozas

María Rozas / CA

ECG

Compostela Aberta vén de trasladarlle o seu apoio ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar, que estuda posibles mobilizacións diante da intención da empresa de empeorar sensiblemente as súas condicións laborais. A portavoz municipal, María Rozas, e a concelleira Marta Lois mantiveron unha xuntanza cunha representación das traballadoras, que non descartan a convocatoria dunha folga en maio.

Para CA, “é inadmisible que Servisar pretenda precarizar aínda máis a estas mulleres, que prestan un servizo moi sensible, que é de titularidade municipal”. O persoal do SAF vén de denunciar que a empresa concesionaria do servizo informou onte da súa intención de modificar as súas condicións laborais, “con medidas que suporán graves prexuízos para as traballadoras”.

Así, a proposta que Servisar lles entregou por escrito recolle unha nova distribución da xornada pola que pasarían a ser laborais todos os días da semana de luns a domingo cos descansos legais recoñecidos pola normativa; o establecemento do turno partido para o persoal que estaba con xornada continua, e a redución do 25 por cento da xornada para as traballadoras contratadas a tempo parcial.

María Rozas volveu reclamar a mediación do Goberno local, “porque o acontecido onte é a gota que colma o vaso, despois de moitos meses de conflito no Servizo de Axuda no Fogar, de moitos meses de queixas das traballadoras ante a pasividade do alcalde e da concelleira Mila Castro”. Lembrou que “xa houbo unha xornada de folga das traballadoras en febreiro, sen ningunha reacción por parte do Goberno, e en xaneiro, o PSOE abstívose no apoio ás traballadoras”.